Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
as plantas exóticas invasoras // Está en marcha o Cogomelar TEXTO Alba Prada

Amabul, unha asociación que se reinventa nos novos tempos

Se de algo non cabe dúbida, e creo que non erro se digo que cada vez somos máis conscientes, é de que o estado no que se atopa (literalmente) o planeta é moi preocupante. O problema é que o ser humano, que o único causante do deterioro do medio, opta por mirar para outro lado en vez de pararse a reflexionar e tomar medidas. Con todo, por sorte, existen asociacións medioambientais que ano tras ano se deixan a pel para reunir voluntarios e pór en marcha actividades que teñen por obxecto mellorar a nosa contorna. Amabul, de Vedra, é un gran exemplo.

Dita entidade, de ámbito comarcal e con proxección autonómica, ten como principal meta “achegar o maior número de persoas á contorna, promovendo unha nova relación co medio baseada na sustentabilidade do mesmo”, sinalan os seus membros. O valor de Amabul, agregan, “reside no enfoque interdisciplinar e transversalizado que ofrece ás diferentes temáticas que aborda, entendendo sempre o ambiente dende as súas compoñentes naturais, sociais, económicas, culturais e de xénero”.

Según explicou a este xornal o presidente da asociación, Rubén Villasenín, organizan ao longo do ano un total de cinco programas. O primeiro está baseado en prácticas curriculares. “Este ano recibimos a unha educadora ambiental entre os meses de febreiro e xuño, que veu da Universidade de Castela A Mancha”, dixo. “Agora en novembro chegarán tres persoas do certificado de profesionalidade de intepretación e educación ambiental para facer as prácticas”, concreta Rubén. O labor delas será reinterpretar o sistema fluvial Ulla-Deza ao seu paso polo Concello de Vedra.

Outro dos programas é o denominado Aula Ambiental Ulla, que alberga actividades de verán, primavera e outono. Durante os meses de máis calor houbo propostas como formación en plantas exóticas invasoras cos nenos de Primaria e roteiros e obradoiros para coñecer a flora e a fauna da contorna da Ulla. Agora no outono, Amabul acaba de finalizar a escola de voluntariado ambiental e un curso de interpretación do medio. Asemade teñen en marcha o Cogomelar, unha iniciativa que persegue aprender aos interesados a recoñecer os cogomelos por si mesmos. A pasada fin de semana tivo lugar a primeira xornada e quedan tres máis: o 24 e 31 de outubro e o 7 de novembro.

Outro dos programas que integran Amabul é o voluntariado, tanto xuvenil como sénior, e tamén desenvolven un programa para restaurar espazos degradados a causa da flora invasora. Neste caso, explica o presidente da asociación, buscan erradicar a chamada tradescantiafluminensis e rehabilitar a Casa de San Fins como escola ao aire libre. “Este é un proxecto que queremos rematar daquí a tres anos”, sinala Rubén. Outro dos proxectos é a Escola Ambiental Amabul, que está dirixida a rapaces de Primaria e Secundaria. “Queremos que tomen contacto coa contorna e evitar o desarraigo coa terra”, explica Villasenín.

A vindeira semana, revela, arrancará unha nova programación baixo o nome Faladoiros. Un proxecto co que buscan facer traballo ambiental e co que á vez recollerán os relatos das mulleres que limpaban a roupa nos lavadoiros. “Buscamos que nos den unha perspectiva de xénero, abordar o tema dende a Igualdade”, relata. Este ano a asociación tamén elaborou unha unidade didáctica sobre as plantas exóticas invasoras no curso medio dos ríos galegos. Dende logo, unha intensa actividade que é de agradecer e de alabar.

20 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.