Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 28 octubre 2020
08:29
h

Apego dalle ritmo á educación en galego da rapazada amesá

Celebraron en Bertamiráns a súa primeira festa con teatro, música e un taller de cantos de berce

Apego, o programa colectivo que promove a transmisión do galego como lingua inicial nas familias con nenos de entre 0 a 6 anos, celebrou na pasada fin de semana a súa primeira festa na capital amesá. Así, e grazas á música e as actuacións, acadouse un espazo para socializar á rapazada no idioma de Rosalía.

E foron o Pazo da Peregrina e mais o auditorio de Bertamiráns as sedes que acolleron dende un obradoiro de cantos de berce –O son que me arrola, con música en directo para os máis cativos–, ata teatro coa obra Ris Ras, da compañía Baobab Teatro, unha viaxe musical a través de xogos, enredos e outras historia dirixida a nenos de ata oito anos de idade nesa primeira xornada.

A seguinte xornada, a do sábado 12 de setembro, aportou o espectáculo teatral Barquiño de Pau da Tropa de Trapo, que tamén apostou pola música para explorar os sentidos e emocións. A continuación chegaba o turno a narración oral denominada Contos, lerias e cousas pequenas, a cargo de Vero Rilo, para nenos e nenas a partir dos 3 anos, dando logo entrada a Pakolas, que ofertou un divertido concerto con cancións para rockear, soñar, aprender e non parar de bailar.

Ese mesmo día, pero xa pola tarde, sumáronse dúas actividades máis: a sesión de contos Carvalho Calero no Carreiro, a cargo de Vero Rilo e Sonsoles Penadique, e unha Foliada con Apego dinamizada por Silvia Cerneira da Banda da Balbina.

A iniciativa despedíase con, Magín Blanco e a Banda das Apertas, que desenvolveron un concerto de música infantil para cantar e bailar en familia. Ao longo de toda a fin de semana houbo ademais dúas actividades que estiveron de xeito permanente. Unha delas foi o Espazo Apego, con información sobre o programa Apego e os recursos que a pon a dispor das familias. A outra actividade permanente bautizouse coma Espazo recursos, no que haberá unha ampla mostra de recursos para facilitar a crianza en galego (contos, música, xogos...) e asesoramento a cargo de Fabaloba.

Entre os colectivos que forman parte de Apego figuran servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carballiño, Carnota, Cee, Ferrol, Lugo, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Nigrán, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Ponteareas, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Vimianzo e mais da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua. Na xornada do martes 15 as actividades continúan na capital galega coas Tardes de contos do Espazo Apego (Rúa da República do Salvador, 12) a partir das 17.00 horas e sempre con anotación previa.

Segundo explicaba a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, na presentación desta primeira Festa do Apego de Ames, “síntome moi leda e orgullosa de poder poñer en marcha, xunto ao Servizo de Normalización Lingüística, a primeira Festa do Apego do Concello de Ames”, aportando que durante eses dous días de celebración ian desenvolver “actividades de todo tipo como contacontos, concertos, obradoiros, etc. co obxectivo de que a rapazada de Ames poida socializar e gozar do ocio en galego. É moi importante que os nenos e nenas, xunto as súas familias, poidan realizar actividades no noso idioma”, remataba a edil amesá.

14 sep 2020 / 21:21
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.