Apego trae o espectáculo de Pakolas este venres 10
A Maía. Segue aberto o prazo para inscribirse en Ramona Órbita, un espectáculo musical do autor e compositor Paco Cerdeira, Pakolas, ata o vindeiro xoves día 9. O programa Apego de Ames presenta unha proposta chea de humor, aventuras e viaxes no tempo a través da música, cun concerto que chegará ata a casa da cultura do Milladoiro o venres 10 de decembro, ás 18.00 horas.
As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico (normalizacion@concellodeames.gal), no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e tamén as idades dos cativos que as acompañen.
O autor, compositor e produtor de música infantil Paco Cerdeira, máis coñecido polo seu alcume Pakolas, contará a historia de Ramona Órbita, unha súper muller labrega da Serra do Courel, ecoloxista e inventora, posuidora dunha horta cibernética de patacas automáticas e dona dunha incrible máquina do tempo. M.M.