Área leva o 13,6 % do canon eólico para obras na Coruña
Trinta e tres municipios coruñeses de Área e unha mancomunidade recibiron 1.707.041 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta en base ao recadado co canon eólico. En total, supuxo o 13,6 % do montante autonómico para o 2020.
Por comarcas, o importe concedido en Barbanza e na contorna de Muros-Noia alcanza os 658.636 euros, e incluíu en Boiro a renovación de conducións, bombeos e equipos de medida de ETAP (31.230 euros) e a adquisición de contedores xenéricos de 800 litros para a mellora dos puntos de reciclaxe na parroquia de Cespón (3.235 €); Carnota recibiu 61.165,17 € e Lousame outros 18.534 para a ampliación do saneamento en Filgueira e reformar o local social de Lesende (13.315 €).
A Mancomunidade Serra do Barbanza ingresou 83.634 euros para adquisición de contedores de recollida de residuos do seu complexo medioambiental, mentras que Mazaricos fixo posible a subministración de soportes para contenedores de recollida de RSU, unha caseta prefabricada de madeira para aula da natureza, mellora da eficiencia enerxética do seu polivalente, actuacións de roza e limpeza de estradas, pistas e camiños rurais (197.029 €).
Pola súa banda, Muros ingresou 55.792 euros para un vehículo dedicado á protección do ambiente e do espazo natural; Outes 37.069 para o seu programa de protección ambiental 2020 e A Pobra do Caramiñal suma 63.931 €. O Concello de Porto do Son, a súa vez, poido mellorar a rede de abastecemento de auga potable de Portosín: tubería de distribución xeral fase 1 (depósito de cabeceira-núcleo de Valcunqueiro), por 79.308 euros, e Rianxo comprou subministros para o abastecemento dunha illa perimetrada de recollida selectiva de residuos no parque A Martela (7.413 euros). Xa para rematar, Ribeira instalou a rede de pluviais na rúa do Carreiro (Aguiño) con 6.975 euros.
Na zona de Santiago recibiron aportacións por 395.343 euros unha ducia de concellos, que executaron compras como a da maquinaria para acondicionamento do medio rural en Arzúa (1.997 €). Boqueixón, dentro do seu plan de Conservación ambiental 2020, poderá mercar equipamento para conservación e protección do ambiente por 12.000 euros, mentras que Brión levou a bo porto a mellora da eficiencia enerxética da iluminación do campo de fútbol con 31.595 euros. En Dodro mercaron equipamentos para a recollida de residuos por 6.178 euros, ao tempo que Frades e Mesía xuntaron esforzos para a mellora, mantemento e protección do ambiente e do medio (76.600 €).
Melide executou a mellora da eficiencia enerxética do centro de servizos sociais do concello (23.199 €) e Negreira levou a bo porto o proxecto de renovación das instalacións de alumeado público exterior para a mellora da eficiencia enerxética no concello (65.008 euros), sen esquencer a adquisición dun vehículo ECO para A Baña por 24.850 €. En Padrón adquiriron equipamento por valor de 4.471 euros, e Rois ampliou o abastecemento de Barro ao Castro por 24.117 euros. Xa en Rois, adecentaron e recuperaron a súa área recreativa (30.674 euros) e Val do Dubra recibíu xunto con Trazo equipamento para brigada ambiental, por 84.000 euros. Para rematar, Tordoia substituíu luminarias en Tañe (8.649 €) e Touro incluíu por 2.000 euros o subministro de contedores para recollida de residuos sólidos urbanos, envases e plásticos.
Por último, once municipios das comarcas da Costa da Morte contaron con 653.062 euros, distribuídos deste xeito: Cabana de Bergantiños recibe 27.127 € para as obras de ampliación da rede de abastecemento de Anos; Camariñas, 60.080 para o programa Camariñas Verde; Coristanco adquire dous camións con caixa aberta e remolque (53.608 euros); Dumbría mellorou o saneamento no entono do Ézaro con 148.335 euros; A Laracha comprou ancoraxes para os colectores de recollida selectiva de residuos (3.235 €) e tamén un vehículo destinado a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural (por un total de 32.000 euros).
En Laxe constan actuacións de prevención e protección ambientais 2020 por 25.600 euros; Malpica recibíu 10.649 euros, mentras que Muxía utilizou os seus 58.549 € para o acondicionamento das zonas verdes de Fonte Chorente e Ponte Constante. Xa en Ponteceso, renovaron totalmente as instalacións do alumeado exterior municipal (102.203 €) e Vimianzo comunica investimentos e servizos para o medio ambiente 2020 por 118.737. Pecha a lista Zas, con 12.935 € para a mellora da eficiencia enerxética, seguridade de cadros de mando e protección do alumeado, e retirada e xestión de lodos de pozos de bombeo.
O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial. No 2020 ascendeu a 12,5 millóns de euros e, segundo lembraba o delegado territorial Gonzalo Trenor, ten a súa orixe nunha lei de 2009 na que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, como un xeito de darlle unha axuda aos municipios onde se asentan estas grandes instalacións enerxéticas. Ata o de entón, os concellos non percibían nada polos muíños que producen eléctricidade instalados no seu territorio. E esta orde inclúese dentro das distintas liñas de colaboración Xunta-concellos para que poidan achegar equipamentos que redundan “na mellora dos servizos á veciñanza”.