Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Boqueixón presentou un conto para concienciar aos pequenos // Trazo entrega mañá os premios do concurso de carteis // Noia, Outes e Boiro difundiron manifestos online // Vimianzo decorou un banco no paseo fluvial Ana López

Área reivindicou un ano máis a fin da violencia de xénero

Onte os concellos de todo Área alzaban a voz en contra da violencia de xénero, un ano máis, coa firme intención de sepultar esta lacra social, que a pesar do tempo semella resistir. Pero, por suposto, a toalla xamais se vai tirar, e pouco a pouco, persoa a persoa, chegará un punto no que todo cambie e a igualdade xa non se reivindique, porque non fará falla.

En Ribeira, a praza consistorial acolleu a lectura dun manifesto institucional nun acto que contou coa participación do alcalde, Manuel Ruiz, dos representantes dos distintos grupos da Corporación e de diversos colectivos. Así mesmo, celebrouse un obradoiro con perspectiva de xénero denominado Fagámolas visibles, organizado polo CIM.

En Boiro, a concelleira de Política Social, Marisa Collazo, fixo a lectura do manifesto institucional de forma telemática. O tenente de alcalde, Luís Ruiz, participou nos actos conmemorativos organizados polo IES Espiñeira, cuxo alumnado asistiu a unha charla sobre violencia machista na relación de parella na mocidade. Xunto co profesorado, membros da AMPA, representantes da asociación Mirabal e do CIM realizaron un acto en homenaxe ás 41 vítimas de violencia machista neste ano, colocando os seus nomes nunha bolboreta de cor lila.

Na Pobra estreouse un vídeo de sensibilización de algo máis de 12 minutos no que vinte mulleres da localidade con distintos perfís responden preguntas arredor desta data, o seu significado e importancia.

En Rianxo tivo lugar a presentación do libro do sociólogo Jorge García Marín Papá, por que non pintas as unllas de cores?, nun acto que incluíu o relatorio Educando (construíndo) masculinidades disidentes.

En Porto do Son contaron cun stand informativo para a prevención da violencia de xénero no instituto da localidade e na Praza de España, no que agasallaron aos visitantes coa entrega de máscaras.

En Lousame, unha vintena de persoas participaron na lectura do manifesto institucional realizado pola concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, no que lembrou ás mulleres asasinadas “polo feito de seren mulleres” e no que que reclamou da sociedade “que sinta empatía polas vítimas e eduque en igualdade”.

No Concello de Carnota compartiron a través das redes sociais mensaxes de sensibilización elaboradas polos veciños no marco da campaña Carnota en negro 2020 posta en marcha co gallo do 25-N.

En Muros gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas no Curro da Praza, onde colocaron 41 sillas en recordo das mulleres que foron asasinadas no 2020; mentres que en Noia e Outes difundiron de maneira online cadanseu manifesto contra as violencias machistas para concienciar sobre esta lacra.

O CIM de Boqueixón presentaba onte na biblioteca municipal unha proposta moi orixinal: un conto escrito pola psicóloga Yolanda Neira e ilustrado por Blanca Millán titulado Alén conta e acariña. O libro vai distribuirse entre o alumnado de Infantil e Primaria dos colexios do municipio e tamén entre a cativada empadroada, pero que estudan noutros concellos.

Pola súa parte, en Vedra o CEIP de Ortigueira de Santa Cruz de Ribadulla decidía facer este ano unha colorida proposta para concienciar aos máis pequenos na igualdade: ubicouse un gran mural no patio en forma de bolboreta e cada neno debuxou dentro a súa para lembrar a todas as mulleres que sufriron violencia de xénero.

Xa na comarca ordense, Frades conmemorou este 25 de novembro repartindo camisetas, adhesivos e carteis coa lenda Todo está na nosa man e o logotipo deseñado por Rubén Fariñas, alumno de 2º da ESO do IES de Ponte Carreira. Asemade o día 28 está prevista a actuación Rockeamos todas con Pakolas. Trátase dun espectáculo musical onde as protagonistas son femininas, e no que contan as súas historias de loita e superación a ritmo de rock. Tamén O Pino editou un vídeo polo 25N e ten prevista para o sábado unha andaina solidaria pola contorna da área recreativa da Magdalena. Asemade xa se poden ver a través do Facebook os tres vídeos dun curso de defensa persoal. O Concello de Trazo sumouse a este día con varias accións: entrega de bolsas relativas ao 25N en farmacias e supermercados, de mascarillas conmemorativas entre o alumnado do CPI Viaño Pequeno, e cun concurso de carteis. As gañadoras foron Sara Gómez, Alicia Martínez e Ana Mº García, e todas elas recibirán os seus galardóns mañá no edificio de usos múltiples en Viaño Pequeno.

A Costa da Morte amosou o rexeitamento da violencia de moi variadas formas: con concentracións online en Carballo e Muxía; coa lectura dun manifesto en Malpica, rodeados de zoquiñas vermellas; cunha recitación poética a cargo de Rosalía Fernández no IES Maximino Romero de Lema, de Baio (Zas); cun minuto de silencio en Camariñas e Dumbría; coa publicación de vídeos no IES Pedra da Aguia, de Camariñas e no IES Agra de Raíces, de Cee; e co fallo do concurso de microrrelatos, en Vimianzo, entre outras iniciativas. Na capital de Soneira xuntáronse tamén os traballadores municipais e os alumnos do obradoiro de emprego diante duns bancos do paseo fluvial pintados por estos últimos nos que se poden ler as mensaxes: ‘Na Costa da Morte rompemos o silencio. Non cales ante os malos tratos”.

En A Estrada como cada ano convocouse unha concentración simbólica en recordo das vítimas da violencia machista na praza do Concello. Alí leuse un manifesto institucional elaborado por todos os grupos políticos da corporación municipal. Valga presentou a campaña É o momento da verdade. Valga 25- N, contra a desigualdade e a violencia de xénero, no que colaboraron o Concello e os centros educativos do municipio. O vídeo inclúe mensaxes de concienciación coma Non cales ante calquera forma de violencia machista, Non deixes de ver as desigualdades ou Por unha sociedade igualitaria.

Caldas, pola súa banda, daba lectura ao manifesto do Concello, que nesta ocasión, fixo fincapé na dificultade e esforzo adicional que a pandemia da COVID-19 e o confinamento exerceu sobre moitas mulleres. Pola súa banda, o Concello de Oroso, dentro das actividades polo 25N, organizou diante do consistorio unha concentración que incluiu a lectura dun manifesto reivindicativo por parte de Isabel Fernández, concelleira de Ensino, Mulleres, Benestar Social e Normalización Lingüística. En Santa Comba tamén fixeron o propio diante da casa da cultura, e en Negreira era a directora do CIM, Rosa Fuentes, a que presentaba tamén onte mércores o acto e pasaba a palabra aos munícipes, que arrouparon a lectura do manifesto co rexedor Ángel Leis á fronte.

Para rematar, no Concello de Brión foi a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, a encargada de dar lectura a un manifesto institucional no que puxo de relevo que “o confinamento domiciliario ao que obrigou a emerxencia sanitaria, lonxe de mellorar a vida de moitas mulleres, fíxolla se cabe máis difícil”. E tamén advertiu que o asasinato de 41 mulleres e 3 menores “non pode ser celebrada. Estamos tan afeitos a estes datos que non reparamos no que significan”.

25 nov 2020 / 20:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.