Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
No marco deste programa da Deputación os municipios recibirán case 33 millóns e medio de euros // Muxía é o concello que máis postos de traballo vai xerar, seguido de Cabana de Bergantiños // A Pobra, Rianxo, Cee, A Laracha, Ordes, Padrón e Teo posúen as achegas máis cuantiosas TEXTO A. Prada-J.M. Ramos

Área sumará 349 empregos co PEL

A Deputación da Coruña publicou no BOP (Boletín Oficial da Provincia) a resolución da concesión das axudas do programa PEL-Concellos, que na anualidade 2021 destinará o dobre de fondos respecto ás convocatorias dos anos anteriores, chegando así a 6 millóns de euros en axudas para contratar persoal que execute as obras e servizos municipais dos 82 municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes.

O presidente da institución, Valentín González Formoso, anunciou que con ditos fondos “os concellos crearán este ano un total de 593 empregos nun contexto socioecomómico especialmente difícil, marcado polas consecuencias da pandemia da COVID”. De aí que, entre as tarefas a prestar polo persoal contratado, se inclúan este ano dúas adicionais: a de conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación Infantil, Primaria ou especial e as tarefas de protección da salubridade pública.

No caso concreto da área compostelá, os municipios da zona do Barbanza percibirán destas axudas un total de 798. 445,67 euros, o que implicará a creación de 62 novos empregos. No caso de Costa da Morte os traballos xerados son 134 e o montante global é de 1.125.699,96 euros. Pola súa banda, a comarca de Santiago será a máis beneficiada cunha achega de 1.563.938,51 € da Deputación e un total de 153 empregos creados. Tendo en conta os datos, o cómputo total de axudas en Área de Compostela no marco deste programa é de 3.488.084,14 € e o número de traballos acada os 349.

En canto á distribución por municipios da oferta de novos postos de traballo destacan Muxía, que realizará 16 contratacións; Cabana de Bergantiños, que contratará a 14 persoas; A Laracha a 13; Dumbría a 12 e os concellos de Padrón, Santa Comba, Ares, Cee e Noia, que proporcionarán un emprego a 11 persoas cada un. Por comarcas, a de Santiago é a que máis postos laborais creará, cun total de 159, o que supón o 27 % de todas as contratacións a realizar ao abeiro de PEL-Concellos Reactiva, seguida da comarca de Carballo, con 140 novos empregos (que supón un 23 %).

En canto á distribución dos case tres millóns e medio de euros na área compostelá, esta realizouse seguindo obxectivos, atendendo á porcentaxe resultante de dividir o número de persoas desempregadas no concello entre o número de desempregados na totalidade dos municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes. Así, entre os que se beneficiarán das achegas máis cuantiosas (que oscilan entre os 104.000 e os 38.000 euros, o dobre que o ano pasado) poden destacarse A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Cee, A Laracha, Ordes, Padrón e Teo.

Grazas a este incremento de fondos propios da Deputación destinados a PEL-Concellos, un total de 593 desempregados de toda a provincia contarán cun posto relacionado co desenvolvemento de servizos municipais: mantemento de alumeado público, recollida de residuos, limpeza viaria, abastecemento de auga potable e redes de sumidoiros, melloras nos acceso aos núcleos de poboación, pavimentación das vías públicas, mantemento de parques e xardíns, tratamento de residuos, ademais dos xa ditos de protección da salubridade pública e vixilancia dos centros de ensino.

areadecompostela@elcorreogallego.es

O protagonista
“IMOS PRIMAR O MANTEMENTO DOS NÚCLEOS DO RURAL”
Iago Toba
Alcalde de Muxía

O alcalde de Muxía, Iago Toba, asegura que a maioría dos traballadores contratados ao amparo do PEL-Reactiva adicaranse a prestar servizos múltiples, especialmente no medio rural.

“Dende que asumín a alcaldía cheguei á conclusión de que facer obras e asegurar os servizos sociais e culturais é moi necesario, pero tamén é moi importante o mantemento dos 104 núcleos que temos en Muxía, e ademais é algo que agradece moito á veciñanza”, afirma. Por iso, o seu goberno ten en marcha un plan de limpeza de cunetas durante todo o ano, “e tamén limparemos as estradas de conexión entre os distintos núcleos, así como as prazas, zonas comúns e todos os espazos públicos, pois os veciños e veciñas teñen que sentirse orgullos de onde viven”.

Asemade, o Concello creará unha bolsa de emprego local para contratar “entre 8 e 13 persoas máis”. Deste xeito, engade Iago Toba, “non só creamos postos de traballo, senón que tamén coidamos do rural”.

{ A OLLADA }
Momentos difíciles
A. Prada

Son momentos moi complicados á hora de conseguir un emprego. A pandemia non fixo máis que emperorar a posibilidade de acceder ao mercado laboral, o que xa de por si estaba difícil, e por iso é unha gran noticia que a Deputación decida duplicar o orzamento do PEL-Concellos Reactiva. Os municipios de Área crearán grazas a este programa do ente provincial un total de 349 novos traballos relacionados cos servizos municipais, que irán destinados ás persoas pertencentes a colectivos con grandes dificultades para atopar un emprego. Trátase polo tanto dun plan que non só contribúe a paliar a situación económica actual, senón que ademais vela polas persoas máis desfavorecidas. Sen dúbida, unha moi boa nova.

28 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.