As empresas amesás Código Cero e Ollar son galardoadas pola súa aposta a prol do galego
O premio Lingua e Empresa 2020 reparte 1500 euros a cada unha, ao que se engade unha campaña de difusión na radio municipal
Ames. O xurado da terceira edición do premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade outorgar o premio a Código Cero, revista e web de novas tecnolóxicas de Galicia, e Ollar, centro óptico e auditivo.
A través desta iniciativa posta en marcha polas concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego dende o ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. Nesta edición o premio establecía dúas categorías, dotadas cada unha delas con 1500€ máis unha campaña de difusión na radio de Ames.
Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaban empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa gañadora foi Código Cero, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido da comunicación, nomeadamente no ámbito tecnóloxico.
Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período, a premiada foi Ollar, por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego en todos os eidos, tanto internos como externos.
As entidades participantes pertencían a diferentes ámbitos: medios de comunicación, parques infantís, centros visuais e auditivos, clínicas dentais, estudos fotográficos, grupos musicais, despachos xurídicos, xestorías, empresas de deseño, artes gráficas etc.
O xurado, reunido o pasado 1 de decembro para decidir os galardoados, estivo formado por Antía Cidre Pereira, de Pestiscos Gastrobar, unha das empresas gañadoras da pasada edición, Miguel López Crespo, Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia e Antía Rei Martiz, graduada en Lingua e Literatura Galegas e colaboradora no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames. En representación do Concello de Ames participaron na xuntanza do xurado o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago Castro, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.