Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Augaconsellos para evitar un gasto innecesario ante a vaga de calor deste verán

Os de Bertamiráns e arredores foron os veciños máis aplicados ao lograr un aforro de máis de 220.000 litros

Ames. A pesar de que as reservas de auga dos encoros continúan nunha situación estable, os caudais dos ríos atópanse por debaixo da media neste verán que nos últimos días está a deixar unha vaga de calor excepcional, marcando récords de temperaturas máximas e mínimas ao longo do país. Neste senso, a auga que se consume no concello de Ames é captada do río Tambre, que de momento non sofre problemas de seca, mais cómpre manter a prudencia e a responsabilidade ao longo desta época estival.

Con este obxectivo, o goberno local de Ames lanzou a comezos de xuño a campaña Augaconsellos, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable e moderado da auga. A través deste proxecto achéganse varias recomendacións como usar a ducha en lugar do baño; pór a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo.

Dende que arrancou a campaña o consumo diario de auga no municipio viuse reducido nun 5,36 %, o que supón un recorte de 283,4 metros cúbicos con respecto ao ano anterior. A maior baixada deuse en Bertamiráns e na súa contorna, onde o uso de auga baixou un 10 % ata os 2.000 metros cúbicos diarios, un aforro de máis de 220.000 litros. O Milladoiro e os seus arredores recortou o consumo nun 2 %. c.e.

17 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito