Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Subvencións de 3,4 millóns de euros impulsan a modernización e competitividade na transformación e comercialización de produtos agrarios // Favorecen a once industrias da comarca do sector lácteo, cárnico ou hortofrutícola TEXTO Víctor Furelos

Axudas para as empresas que traballan o produto do campo

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, fixo balance, na mañá de onte, das axudas da Consellería de Medio Rural para a comarca de Santiago no que se refire os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

O representante do goberno autonómico informou destas axudas durante a visita á empresa Vermutería de Galicia beneficiada por esta orde de axudas cunha achega de 20.900 euros que permitiu mobilizar un investimento de máis de 69.000 euros para incrementar a súa produción con equipos de última xeración, aumentando así a calidade dos produtos, mellorar a xestión dos stocks e a loxística e para investir en I+D.

Vermutería de Galicia coñecida comercialmente pola súa marca St. Petroni, traballa en diversificar a súa produción no segmento de bebidas de aperitivo, atopándose en plena fase de consolidación dunha variedade branca de vermú de base vinícola e planea novos desenvolvementos relacionados co pemento do Padrón. A compañía, que comercializou no mercado en dous anos unhas 200.000 botellas do seu vermú vermello, coloca o dez por cento do seu destilado en doce países, principalmente europeos.

Este tipo de axudas concedidas pola Consellería de Medio Rural consisten en subvencións a fondo perdido para realizar investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas na comunidade destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios.

Na comarca de Santiago foron once as empresas beneficiadas por estas axudas nos concellos de Ames, Dodro, Frades, Melide, O Pino, Padrón, Santa Comba, Touro e Vedra, contaron cunhas axudas en total de máis de 3,4 millóns de euros e mobilizaron máis de 9,9 millóns de euros nos investimentos realizados.

As empresas que se aproveitan deste tipo de axudas son Feiraco, que vai gastar 392.647 euros na mellora en industria láctea, dos que 117.794 euros son subvencionados.

No Concello de Dodro, Pollos de Laiño ampliará e fará melloras tecnolóxicas en matadoiro e a sala de despece de aves por un importe total de 11.772 euros, dos que 2.943 son da achega da Xunta. No mesmo municipio Matadero del Sar mellorará o matadoiro, a sala de despece e industria cárnica actualmente sen actividade, arrancará con novas liñas e cámaras frigoríficas e acometerá actuacións en obra civil e instalacións con un orzamento de 750.250 euros, dos que 187.562 correspóndense a esta subvención.

Central de Frades gastará 90.590 euros na adquisición de maquinaria e equipos de construcción de almacén para a garda de materias primas e productos elaborados con unha achega de 31.706 euros.

Viuda de G. Parada y J. Alvela, do municipio de Vedra, ten previsto facer melloras tecnolóxicas en industria hortofrutícola, con elaboración de novos productos para o que conta con 60.832 euros, dos que o 25% son subvencionados.

Dairylac, en Melide, investirá 899.012 euros en melloras tecnolóxicas da industria láctea dos que 359.605 corresponden á axuda da Xunta, mentras que a súa veciña Avícola Grao acometerá melloras tecnolóxicas en matadoiro de aves e sala de despece por valor de 63.618 euros, dos que 15.904 son da axuda.

As empresas queixeiras son as que fan un maior investimento e teñen máis axuda. Quesería Artesanal Ruta Jacobea, de O Pino, acondicionará a nave para cámaras, secadoiros, envasado e expedición de queixería además de mellorar a liña de elaboración con un total de 1.683.167 euros, dos que 589.108 son da axuda da Xunta.

Pola súa banda, Queizuar ampliará a súa queixería de Touro investindo 4.132.813 euros, con 1.446.484 de subvención. E por último Lácteos Ferrado Verde, de Santa Comba, acometerá melloras tecnolóxicas na queixería, automatizará as liñas de envasado e mellorará as instaalcións comúns con un gasto de 1.791.811 euros que inclúen a axuda de 627.133 euros.

O protagonista
“son unha
peza clave
no futuro”
Gonzalo Trenor
Delegado territorial da Xunta

As empresas dedicadas á transformación e comercialización dos produtos agrarios buscan ocos en mercados moi competitivos polo que teñen que modernizarse continuamente. Esta circunstancia non é allea á Xunta, que sabe que prestar apoio a estos empresarios é sinónimo de poñer en valor o campo, crear emprego, fixar poboación no rural e evitar a fuxida dos mozos. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou onte na súa visita a Padrón que “o importante deste tipo de axudas é que van encamiñadas a facer que as empresas do rural poidan mellorar a súa capacidade produtiva e súa competitividade nos mercados”., ó tempo que puntualizou que “estas achegas son unha grande oportunidade para que as nosas empresas poidan seguir medrando e mellorando as súas instalacións, unha peza clave para garantir o seu futuro”.

{ cousas do demo }
Actividades necesarias
Víctor Furelos

non hai moitos anos en Galicia cultivabamos patacas que despois regresaban envasadas, leite que volvía en forma de iogures ou queixos, froitas ou verduras que iban para os cochos... Hoxe as cousas mudaron. Hai empresas no rural que transforman o producto e o envasan para vender máis alá do Padornelo. E ó tempo crean emprego no rural e fixan poboación. Con moitas empresas deste tipo as nosas aldeas non esmorecerán, terán vida por moitos anos porque axudarán a que os mozos non teñan que emigrar ás vilas o máis lonxe. Por iso estas axudas están bendecidas pola xustiza de quen sabe que teñen un destino mais que axeitado.

22 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.