Axudas para previr trastornos entre a rapazada de 0 a 6 anos
Xa se superaron os 773.000 euros investidos pola Xunta este ano para financiar as 11 unidades de atención temperá na provincia da Coruña, catro delas de nova creación. E Área recibe 604.313 €, destacando entre os centros cunha maior dotación o da Mancomunidade de Concellos de Ordes, con 142.682 €, seguido das agrupacións de concellos da ría de Muros-Noia e máis a de Barbanza, con máis de 242.000 euros en conxunto. O delegado territorial do Goberno galego na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes e pola presidenta da Mancomunidade, Susana García, visitaron o servizo de atención que pertence a este ente supramanicipal.
Trenor destacou que “o ámbito municipal é idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos máis novos pola súa proximidade á veciñanza e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, tendo en conta ademais que un dos principios reitores da Rede Galega de Atención Temperá é a descentralización e a proximidade”. Deste xeito, apuntou que “a atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos”.
A unidade de atención temperá da Mancomunidade de Ordes presta servizo desde 2016 a sete concellos da zona (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo) e ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Esta unidade conta como persoal técnico con dúas logopedas, unha psicopedagoga e unha psicóloga, grazas a unha axuda de máis de 142.000 euros.
Deste xeito, ao ano aténdese desde as súas instalacións a unha media de cento sesenta casos en Ordes.
Otras unidades beneficiadas da contorna de Área son a Agrupación de Concellos de Noia, Lousame, Outes, Muros e Porto do Son (112.150 €); a da Pobra, Ribeira e Boiro (130.018 euros); a de Santa Comba e A Baña (52.167 euros); a de Padrón, Dodro e Rois (57.814) e Dumbría, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Fisterra, Mazaricos, Muxía e Vimianzo, dentro da Agrupación Galega de Atención Temperá AGAT, por 49.555 euros, e Teo (59.927 €).
Cabe salientar que esta liña de achegas está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e permite que a cobertura deste servizo chegue xa a 129 localidades galegas, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, apostando por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos.
A maiores destas unidades, dende a Consellería de Política Social subvencionan tamén o funcionamento doutra nova unidade que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT) na comarca de Bergantiños.
areadecompostela@elcorreogallego.es
Delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña
O servizo de Atención Temperá vai dirixido á poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e a súa contorna. “Ofrece unha intervención biopsicosocial que favorece a adquisición ou a recuperación de funcións e de habilidades persoais e sociais para a mellora da autonomía, da convivencia social e familiar e da inclusión social en nenos con problemas de desenvolvemento ou en risco de padecelos”, apunta o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
A importancia desta rede, “que medra cada ano grazas ao apoio da Xunta”, segundo as mesmas fontes, radica precisamente “na detección precoz deste trastorno. Isto permite mellorar os resultados obtidos a través dunha atención profesional”. O Goberno galego conta na provincia da Coruña con 11 unidades de atención temperá, catro delas de nova creación. Para a súa posta en marcha destina este ano máis de 773.000 euros. Ademais destas unidades, subvenciona o funcionamento da bergantiñá, que xestiona AGAT.
Esta rede dispón duns equipos interprofesionais que, dependendo do diagnóstico realizado, abordan o caso desde unha ou outra especialidade do equipo. Trabállase de xeito coordinado buscando sempre o máximo beneficio para os pequenos e mantendo un contacto permanente coas familias, que forman parte de todo o proceso de tratamento desde o primeiro minuto. Outros solicitantes beneficiados na provincia foron as agrupacións de concellos de Abegondo, Bergondo e Carral (66.381 €); a Mancomunidade de Ferrol (55.342 €); e os concellos de Sada (20.283 €) e As Pontes, con 26.794 euros.
Cando, antes do capitán schettino, berraban nos barcos a punto de afundirse aquilo de as mulleres e os nenos primeiro, non o facían porque os aludidos estivesen nunha inferioridade física máis aló do coidado que teñen que recibir os nosos
cativos; facíano, precisamente, porque nestes grupos de idade e de sexo reside a perpetuidade da especie, polo que calquer axuda que vaia dirixida ao benestar dos nosos cativos sempre vai ser ben recibida. E aínda que posiblemente a cantidade quede xustiña para as súas necesidades, hai que valorar positivamente o anuncio da Administración autonómica. O único que non teño tan claro é como non se prima máis a agrupación de concellos para estes servizos.