Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A pesar da situación actual continuaron as clases no centro sociocultural de Vigo // As actividades adaptáronse para evitar o contacto e o material compartido// Os participantes contan cun vehículo que os recolle e os leva á casa TEXTO Alba Prada

Boqueixón mantén vivo o seu exitoso programa preventivo

Dende o ano 2010 o Programa de Prevención da Dependencia de Boqueixón leva facendo un meritorio labor de axuda con todos os veciños e veciñas maiores en situación de vulnerabilidade ou que viven sós. As clases son impartidas dende hai tres anos no centro sociocultural da parroquia de Vigo, un local moi ben adaptado e que se usa unicamente con esta fin. “Empezamos en Sergude e eu sempre traballei xunto a unha terapeuta ocupacional, pero dende hai dous anos e medio son a única monitora”, explica a coordinadora do programa e educadora familiar do Concello, María Pereira.

O ano pasado foi o momento no que tiveron unha maior participación, pois acudían ás sesións unha quincena de veciños. “É un programa que foi sempre moi exitoso, en gran parte porque imos recollelos e levalos de volta aos seus domicilios”. De feito durante varios anos foi a propia María a que fixo de condutora. “Eran 100 ou 120 quilómetros os que sumaba cada martes e xoves por todo concello”, recorda.

A participación e as actividades que poñen en marcha nas clases sufriron un cambio radical tralo confinamento. “Lembro que unha das últimas propostas que fixemos antes de marzo foi visualizar o filme O que arde, que lles encantou. Logo durante o confinamento mantivemos sempre un seguimento semanal coas persoas máis vulnerables, telefónico ao principio, e máis tarde, cando se nos permitiu, fomos ata os domicilios”, relata María.

O pasado mes de setembro retomaron as clases presenciais no centro, iso si, o número de participantes reduciuse a nove porque moitos deles non quixeron arriscarse por mor da pandemia. Agora mesmo son sete os anotados. “As medidas son moi estritas porque estamos a falar de persoas que teñen unha media de 80 anos, con dificultades de mobilidade e incluso algúns con principios de alzhéimer”, relata a educadora familiar. Ademais do obrigado uso de xel hidroalcohólico, máscara e distancia social, tamén se lles mide a temperatura antes e despois de sair do transporte, e mantense a aula ventilada. “A volta foi dura, notábase que estaban tristes ante a nova situación, pero pouco a pouco foron adaptándose”, conta María.

Agora as actividades sufriron unha modificación: “non podemos facer nada que implique compartir materiais nin que esixa contacto, polo que optamos por potenciar as clases de risoterapia e fomentar a autoestima”, sinala a coordinadora. “Estamos a traballar moito para superar a negatividade e o pesimismo que actual”, revela. Ademais tamén levan a cabo un pouco de actividade física a través de pilates e xerontoximansia. “O certo é que traballar con eles é moi gratificante porque agradecen todo o que fas”.

Ultimamente só podían acudir ás clases cinco persoas (dos sete anotados actualmente) que ían turnando, favorecendo sempre aos que viven sós. Pero agora, ante as novas restricións, tan só poderán permaencer na aula tres. “Aínda non sabemos como imos afrontar isto, ao mellor decidimos volver ás visitas de forma personalizada nos seus domicilios”, conta.

Por certo que teñen en marcha dende o centro un proxecto de recompilación histórica chamado ‘Boqueixón na memoria dos nosos maiores’. “Calquera veciño pode colaborar” recalca. “Teño algúns alumnos que xa escribiron moito, de feito, durante o confinamento animeinos a relatar cada día un tema direferente: os velorios, as festas, a malla ou matanza”, sinala. A idea é plasmar todo nun libro para que non se perdan as tradicións e as coñezan as novas xeracións.

18 ene 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.