Brión convoca a terceira edición do Premio Laudamuco de teatro
A obra, de temática libre, debe estar escrita en galego // Está aberto o prazo de presentación de orixinais ata o 12 de febreiro de 2021 // O galardón será entregado o 16 de maio
Brión. Brión xa ten data para a terceira edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais organizada en colaboración coa Academia Galega de Teatro e Edicións Positiva. A dotación económica do premio será de 7.000 euros, a edición da obra gañadora a cargo de Edicións Positivas e unha obra artística conmemorativa, o que o converten no galardón teatral máis valorado economicamente en Galicia.
O alcalde brionés, Pablo Lago, indicou que “o noso obxectivo coa convocatoria deste premio é estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega ao tempo que lle facemos un recoñecemento a un ilustre veciño como foi Roberto Vidal Bolaño por todo o que representa e segue a representar na nosa cultura e por todo o que lle deu a Brión”.
Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega. O tema e a extensión da obra será libre. O prazo de admisión de orixinais rematará o día 12 de febreiro de 2021.
As persoas participantes deberán presentar cinco copias asinadas cun lema na Casa da Cultura de Brión xunto a un sobre no cal deben figurar os datos persoias do autor ou autora.
O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral. Será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín. Na proposta de resolución do xurado haberá unha única obra gañadora.
A entrega do III Premio Laudamuco terá lugar o 16 de maio de 2021, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión con motivo do 43 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures, a peza coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional o 16 de maio de 1978 da man da compañía Antroido, dirixida por Roberto Vidal Bolaño.
PREMIADOS DAS EDICIÓNS ANTERIORES. Nas súas dúas primeiras edicións, o galardón recaeu no lucense Xavier Lama López por “Na miña alma ouvea un lobo” (2019) e no coruñés Raúl Dans Mayor por “Só un home bo” (2020).