Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Caldo de Gloria e Alborada en honor ao Día de Rosalía

Celebraranse asemade actos institucionais en Padrón e Santiago sen presenza de público

A pesar das dificultades impostas pola actual crise sanitaria á hora de celebrar calquera actividade, a Fundación Rosalía de Castro quere conmemorar o 24 de febreiro, Día de Rosalía, e anima a todos os galegos e galegas a celebralo dende as súas propias casas lendo os seus textos, facendo un Caldo de Gloria ou tocando a Alborada.

Precisamente no manifesto da Alborada o presidente da Fundación, Anxo Angueira, escribe: “Este ano a pandemia reclúenos e dispérsanos. Pero aínda que non poidamos xuntarnos e pisar os espazos públicos coma daquela, si podemos saudar o Día de Rosalía coa alegría da música, coa esperanza da Alborada. A noite de medos e de tristura ten que acabar e dar paso a esa alborada de gloria, ese novo tempo que nos faga encarar o futuro con ilusión e confianza”, relata.

Angueira ofreceu onte na Casa-Museo unha rolda de prensa acompañado da cociñeira Lucía Freitas (do restaurante A Tafona, con estrela Michelín) que este ano se ocupará de facer un Caldo de Gloria; e de Olimpio Xiráldez e Luís de Valgha, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Freitas elaborará o tradicional caldo no seu restaurante, “dende onde nos desvelará a través dun vídeo a súa versión”, sinalan fontes da fundación. “Queremos que desta volta só no ambiente familiar e íntimo, Galicia se lembre de Rosalía a través da nosa gastronomía popular e das leccións que nos da a protagonista do poema: como sobrevivir e mesmo ser feliz a pesar da penuria e das adversidades”, indican.

Este ano terá lugar asemade a Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, “e desta volta para reivindicar o sector musical e cultural, que tamén atravesa por duros momentos”, sinalan desde a fundación. A pesar de que non estarán abertos ao público, o 24 plantarase unha filla da figueira de Rosalía e haberá un acto na Praza de Vigo e ofrenda floral na estatua.

20 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.