Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Chega hoxe ao Parlamento a urxencia en declarar Ben de Interese ó Castro Lupario

Preguntará o PSdeG polos prazos // Lembran que hai un proxecto de liña eléctrica no entorno, entre Brión e Rois

Ó PSdeG preocúpalle a declaración de Ben de Interese Cultural pendente para o castro Lupario, entre Rois e Brión, polo que os seus deputados Noa Díaz Varela e Luís Manuel Álvarez Martínez preguntarán hoxe polas previsións que ao respecto manexa o Goberno da Xunta para a súa resposta oral na Comisión cuarta.

Segundo lembran as mesmas fontes, foi a Dirección Xeral de Patrimonio a que anunciaba en febreiro de 2009 que iniciaría nos vindeiros meses os procedementos para a declaración como Ben de Interese Cultural 19 castros emprazados en distintos puntos do territorio de Galicia. “A realidade é que nestes once anos foron só nove as citanias declaradas BIC, quedando aínda pendentes desta catalogación dez”, din. E entre eses que faltan atoparíase o Castro Lupario, ubicado nas parroquias de San Xulián de Bastavales (Brión) e Ribasar (Rois), un antigo poboado castrexo catalogado como tal pola Xunta e que aínda mantén boa parte dos muros que o delimitaban.

Segundo as lendas, fora residencia da raíña Lupa e está ademais rodeado dun conxunto “patrimonial histórico, artístico e ambiental de singular riqueza, conformado pola aldea de Angueira de Castro, o Pazo de Faramello, os núcleos de Faramello e Francos, a ponte sobre o Río Tinto e a carballeira de Francos”, xa en Teo. E por riba, tamén inclúe varios petróglifos.

LOUSAME-TIBO. “Xustamente sobre ese enclave de alto valor cultural, arqueolóxico e etnográfico está previsto que pase a Liña Aérea de Transporte de Enerxía Eléctrica a 22 kV dobre circuíto Lousame-Tibo, un proxecto presentado por Red Eléctrica de España que, a pesar do grave prexuízo que significaría, conta sorprendentemente cunha declaración de impacto ambiental favorable e un informe patrimonial positivo”, aportan os parlamentarios socialistas a este xornal.

Tamén explican as mesmas fontes que, diante desta posible “agresión ao patrimonio galego”, a veciñanza da zona, así como a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago (pasa por alí a Vía Xubilar Lusa) reclaman a declaración BIC para o Castro Lupario e a súa contorna. A esta reclamación sumouse recentemente o Concello de Rois, que aprobou en pleno, e coa unanimidade de todos os grupos, instar á Xunta de Galicia a que tramite de maneira urxente esa declaración, de maneira que pasaría a ser zona protexida e o proxecto xa non podería ter ese percorrido.

As preguntas concretas serán se comezou a Xunta de Galicia xa coa incoación do expediente para declarar BIC; se continúa firme o compromiso da Dirección Xeral de Enerxía e Minas de non dar a orde de inicio das obras da LAT Lousame-Tibo ata que o Castro Lupario sexa así declarado; se contan cunha previsión de iniciar a declaración de ben de interese –se aínda non se fixo– e para rematar se a Xunta comprométese a protexer de forma segura o patrimonio arqueolóxico, artístico, etnográfico e ambiental de Galicia.

17 nov 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.