Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
|| cousas do demo ||

Como os de Ames son ricos... que paguen cartos de máis

Carne de burro non é transparente. Cada vez que de neno cruzaba por diante da televisión escoitaba esta frase de boca de meu irmán. Nunca entendín porque nese dito se refiren ó burro. Coma se pudesemos ver a través doutras carnes!!

Quen me ía dicir que co paso dos anos ía ter a oportunidade de entender á perfección esa frase. Cando escoito a algúns políticos presumir de transparencia tremo como un vimbio. Aínda que en vez de aplicarlle o da carne de burro, que nalgúns casos podería facerse con acerto, habería que lembrar aquelo de “ Dime de que presumes...”.

O caso é que en Ames suceden cousas que nada teñen que ver coa nitidez que se lle presupón a unha Administración. E suceden pouco despois de que os seus gobernantes presumisen co peito inflado de ser o cuarto concello máis transparente de toda Galicia e o 96 de España.

Primeiro chegaron os recibos da auga e as barreduras. Unha tolemia. Case todas as vivendas do concello pagaron máis que nunca. A concesionaria do servizo mantén que o fixo co consentimento dos gobernantes municipais. Porque nesta ocasión, amparándose no confinamento, non se realizou a lectura dos contadores senón que se fixo un cálculo estimativo.

E como a xente estaba na casa hai que supoñer un consumo maior do habitual. E ó aumentar ese gasto de auga, nalgúns casos pásase ó seguinte tramo na depuración polo que tamén medra o prezo deste capítulo.

Curioso é que en todos os casos –e son 14.000 recibos– se pague de máis e que esa estimación non contemple rebaixas para ninguén. Pero se se fixo co visto e prace dos gobernantes... nada haberá que dicir. Iso sí, ninguén recibiu antes notificación algunha de que a lectura sería estimativa e que nesta ocasión a facturación podería ser superior á de outras veces.

Din que van regularizar o pago cando se realice unha lectura real do contador ou o que é o mesmo, se o consumo foi menor ó que figura na factura a rebaixa aplícase no próximo recibo. Dito doutro xeito: primeiro pagas de máis, e despois xa se verá... como os de Ames son ricos.

Pouco despois unha sentenza tumbou o pleno no que se decidiu subir un dos impostos municipais máis cuantiosos: o IBI ó que moitos chaman contribución. Pois carallo para a suba da contribución!!! Pese á sentenza os recibos están a chegar a todas as casas con ese encarecemento aprobado por PSOE, Podemos e BNG. O Concello recurriu o fallo xudicial. E de perder haberá que devolver con intereses uns cartos que non están consignados para ese fin nos presupostos. E tamén pagar ós avogados. Pero como os de Ames son ricos...

E aínda chegou outra sentenza, esta vez firme, que condena ó Concello a pagarlle 246.945 euros á mancomunidade Serra do Barbanza, que no seu momento tivo que compensar á concesionaria pola prestación do servizo de recollida e tratamento de residuos. Ese pago derivouse ós concellos nos que FCC se encargaba do lixo, pero Ames entendeu que ó non ser socio de pleno dereito non tiña que facerse cargo do pago dese gasto.

O Xulgado non opinou o mesmo e esta broma cóstalle ás arcas municipais case que un cuarto de millón de euros. Pero como os de Ames son ricos...

Os veciños tanto do Milladoiro como de Bertamiráns e ata das aldeas do rural enteráronse dos recibos en canto lle chegaron á casa. Só falta que saian á rúa coas más en alto, por aquelo do atraco. Aínda que de seguro que algúns, ós que o pago se lle pasa polo banco, nin se deron conta da suba. Porque como os de Ames son ricos...

Non son tempos de subir impostos con malas artes nin de cobrar de máis nos recibos. E xa só falta que nun exercicio de cinismo digan que entenden as apreturas económicas causadas pola pandemia. O que deben entender os gobernantes de Ames é que ninguén quere que o atraquen na súa propia casa e menos cando son moitos os que o están a pasar mal por estar en ERTE ou despedidos do seu traballo.

No caso das sentenzas xa hai que falar case de mala fe. Como se pode presumir de transparente e esconder os fallos xudiciais que non son favorables?

Para que queres o portal de transparencia? Só para que se sepa que tanto o alcalde de Ames como o primeiro tenente de alcalde cobran máis que o seu compañeiro de partido Xosé Sánchez Bugallo, alcalde da capital de Galicia? Porque o alcalde de Santiago ingresa ó ano 51.000 euros brutos mentras que o rexedor de Ames gaña 53.000 e o tenente de alcalde, que ademais é deputado provincial, acada 60.426 euros.

Despois de desvelar o da carne de burro relacionada coa transparencia e iso de que un presume do que carece acabo de dar coa clave de todo este dilema. Porque vendo estos salarios entendo á perfección que os gobernantes pensen que os de Ames son ricos...

Empeza ser un vicio o de botarlle a culpa ós demais

Cada vez hai menos alcaldes dispostos a asumir os seus erros diante dos veciños. O pensamento dos políticos, e boa mostra a temos no hemiciclo da capital de España, está centrado en gañar votos con cada movemento ou alomenos non perdelos. Vivimos unha campaña electoral permanente.

Hai quen ten problemas internos pero a culpa sempre será dos díscolos. Non admiten erros. De todos é ben sabido o que pasa en Muxía ou Ponteceso.

Outros, que xa non están, manexaban á perfección todo o que se movía no municipio. Como calquera cacique doutras épocas sabía ata o mínimo movemento e tamén a quen votaban en cada casa. Ademais, entre os seus veciños distinguía entre os de sempre e os novos en alusión aos que decidiron vivir nun Concello en expansión. E xa se sabe a quen lle facía os favores.

E aínda hai quen di que as sentenzas en contra son culpa do anterior alcalde, o de hai seis anos, cando o conto ben de moito antes, con un rexedor do seu propio partido.

Máis curioso é o caso de quen se escuda nos socios de goberno. É certo que non é difícil facelo porque ese socio que xoga a político ten miras moi curtas. Engañou a Ciudadanos facendo que negociaba con eles ata o último momento. E todo para que a formación laranxa non atopara lista nese concello. Finalmente, presentouse por Terra Galega créndose o máis listo do mundo sin saber o que é o mundo. Por saber nin sabe despertar ó seu Concello do letargo no que vive. E aínda presumirá e sacará peito para presentarse na próxima campaña. É un alcalde frustrado. Un pobriño.

A arte de botar ás culpas ós demais ten o seu templo ben cerca de Santiago e limitando coa provincia de Pontevedra. Que cae un muro, foi o veciño; que hai un accidente, foi a Xunta ou a Deputación que están a cargo do vial; as averías son da concesionaria da auga ou da luz ou da recollida do lixo; que unha obra sae mal, foi a empresa construtora; que un veciño denuncia unha obra ilegal, legalízase e xa está... e así ata encher catro páxinas. O caso é que funciona porque seguen a mandar, aínda que perdendo moita forza.

E despois hai os de contrastar. Publicas unha páxina chea de fochancas e quéixanse de que non se contrastou. O que? As fochancas da foto existen? Ah!!. Queren falar do plan que teñen para solventar un problema que un mes despois segue existindo.

Tamén os hai que cando aínda nin tiveches tempo para ler a nota de prensa da oposición xa estás a recibir a resposta do alcalde. Serán adivinos para saber o que di a oposición antes de publicalo?

E, pola contra, tamén hai que repasar todos os da oposición que cada vez que o alcalde tose xa están preparando unha nota de prensa. Son tan cansinos que ata perden a razón.

A política municipal estase a converter nun pozo negro. O que menos importan son os veciños. O que realmente motiva a moitos alcaldes e líderes da oposición é arañar algún voto cada día poñendo a parir ó rival ou descubrindo os seus erros sen recoñecer que non hai ninguén infalible.

Cada vez hai menos propostas nos plenos municipais. Moitas veces porque semella que a condición máis importante para ser alcalde é da de ser xordo. Non escoitan a ninguén. Non aceptan que xente doutro partido poida ter boas ideas por moito que favorezcan ós veciños. Algo cheira a podre na política municipal.

E non se salva ninguén, tanto ten que sexan do PP, ou do PSOE, ou do BNG, ou desas Mareas testimoniais e ata de partidos independentes, están feitos a imaxen e semellanza.

Como se añoran aqueles alcaldes campechanos, que falaban cos veciños e que atendían a todos pensaran como pensaran. A Administración máis próxima ó veciño merece un cambio de rumbo. Xa está ben de campañas electorais de catro anos que a ninguén favorece.

Non hai que ter medo ós bares nin ós restaurantes

É unha magoa ver os comedores dos restaurantes de media Galicia. O medo instalaouse na xente que non quere estar en sitios pechados. Non se entende. Os restaurantes e bares están na obriga de adoptar as medidas para garantir a saúde dos seus clientes. E cumplen.

Logo será difícil de contaxiarse sentado nunha mesa que está a metro e medio da do lado, coa mascarilla posta na metade do convite, restrexando as máns con xel ó entrar no comedor e ó saír e lavándose cada vez que pisas o aseo. Alguén da máis seguridade? Nin na casa se toman esas precaucións.

Cal é o medo? Non entendo como tardamos tan pouco tempo en olvidar os chuletóns do Barqueiro de Negreira ou do Vaca Vella de Bertamiráns, o riquísimo churrascio da parrillada Milladoiro, o xamón asado do Pemento de Rois, o arroz con lubrigante do Muíño de Esteiro, o polvo encebolado do Cruceiro de Urdilde, as flores de cabaza recheas de pescada do Villa Verde de Ponte Ulla, a richada do Alto da Pena de Prado... Hai moito que comer e moitos sitios. E de non confiar en eles esa lista pronto quedará reducida á nada. Pecharán. Porque é imposible aguantar nestas circunstancias.

E de momento ninguén demostrou que os restaurantes fosen os culpables dos contaxios. Hai máis nas empresas e ata na rúa. E non despertan tanto medo.

19 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito