Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Conséguense melloras nas liñas do transporte metropolitano de Ames

O Concello solicitara información á Consellería de Infraestruturas na Comisión de seguimento celebrada o pasado xoves 24 de setembro // Agora demandan á conselleira máis información e humildade á hora recoñecer logros no servizo

Ames. O Concello de Ames vén de coñecer a través dos medios de comunicación diferentes melloras que se incluirán no transporte metropolitano debido ás licitacións do novos contratos de dito servizo. O anuncio realizado pola Consellería de Infraestruturas chega despois da solicitude de información feita polo Concello de Ames na Comisión de seguimento do pasado xoves, 24 de setembro, ao respecto das novas liñas e das ofertas presentadas polas concesionarias.

O Goberno municipal explica que “a falta de información por parte da Consellería de Infraestruturas é absoluta. Existe unha clara falta de comunicación co Concello de Ames e con todos os Concellos da área, tal e como se puxo de manifesto na xuntanza do pasado xoves, 24 de setembro, á que tan só asistiron representantes de 7 Concellos dos 18 que forman parte da Comisión de seguimento do transporte metropolitano. O Concello de Ames non coñece, a dous meses de entrar en funcionamento, como quedarán as liñas de transporte, nin as frecuencias, que conectan ao concello amesán con Santiago de Compostela. Tampouco se trasladou por parte da Consellería as ofertas presentadas polas empresas, que participaron nos procesos de licitación, nin que empresas foron finalmente as adxudicatarias”.

Para o Goberno municipal de Ames non é razoable que a Consellería de Infraestruturas faga pública a información do novo proxecto do transporte metropolitano a través dos medios de comunicación, sen antes comunicarllo aos Concellos afectados. No caso de Ames finánciase parte do servizo con contías superiores aos 130.000 euros, polo que se debería de actuar doutro xeito en canto a relación institucional cos Concellos afectados. “Non é a primeira vez que coñecemos información que nos afecta a través dos medios de comunicación, no que parece ser xa un lamentable xeito de operar desta Consellería”, lamentan desde o Goberno municipal Ames.

MELLORAS NO TRANSPORTE METROPOLITANO. A información publicada por parte da Consellería de Infraestruturas destaca varias melloras que se poñerán en servizo coa entrada en funcionamento das novas liñas do transporte metropolitano, que está prevista para o mes de decembro. Desde o Concello de Ames denuncian a falta de respecto institucional da propia Conselleira cara o traballo realizado pola Concellaría de Mobilidade, tratando de axenciarse como logros propios as melloras propostas polo propio Concello de Ames.

Así, recórdase que no pasado mes de agosto de 2019 a Consellería de Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, trasladoulle ao Concello de Ames o anteproxecto de explotación do servizo de transporte metropolitano, onde non se recollían ningunha das melloras que agora anuncian como propias. O Concello de Ames, nun tempo limitado e durante o mes de agosto, foi quen de presentar alegacións a dito anteproxecto.

As alegacións presentadas polo Concello de Ames centrábanse en 6 aspectos:

1.-Liña de Bertamiráns: ampliar a frecuencia de primeira e última hora e maila creación de novas frecuencias en sábados e domingos.

2.-Ampliar ata as 23:30 horas a ruta de Firmistáns.

3.-Liña do Milladoiro: ampliar a frecuencia de primeira e última hora e implantar frecuencias cada 15 minutos polas tardes.

4.-Polígono do Milladoiro - Bertamiráns: ampliar a frecuencia aos sábados e mellorar os horarios de mañá, tarde e mediodía.

5.-Liñas As Viñas - Santiago: Inverter a ruta da primeira frecuencia para acadar a conectividade co parque empresarial do Milladoiro á primeira e última hora.

6.-Creación dunha liña nocturna Búho para os fins de semana entre Bertamiráns - O Milladoiro e Santiago.

Todas estas alegacións, a excepción da liña nocturna, foron aceptadas pola Comisión técnica que estaba a redactar o proxecto de explotación sen que a día de hoxe desde o Concello de Ames se coñeza o resultado final. Así pois, as melloras anunciada pola Consellería de Infraestruturas para o transporte de Ames non deixan de ser as propias alegacións feitas polo Concello no pasado mes de agosto e despois dun arduo traballo da Concellería de Mobilidade do propio Concello.

Para o Goberno municipal de Ames “é inaudito e ofensivo ler o anunciado pola propia Conselleira nesta mesma semana, sen que se recoñeza o traballo realizado polo Concello, nin se traslade información ao respecto”. Ademais, indican que “a actitude amosada pola Conselleira é inaceptable e censurable e pedimos maior respecto institucional co Concello de Ames á hora de trasladar información e de recoñecer logros ou melloras que son froito do traballo de moitas persoas”.

29 sep 2020 / 17:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.