Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Convocado o premio de investigación Ramón Baltar Feijóo

O organiza a Fundación Rosalía e galardoa as obras publicadas durante os anos 2020-2021

A Fundación Rosalía de Castro vén de convocar a terceira edición do Premio de Investigación e Ensaio “Ramón Baltar Feijóo” co obxectivo de contribuír ao fomento do estudo do período histórico relativo ao fondo documental que leva o seu nome e que foi depositado no Arquivo da Casa de Rosalía pola familia Baltar García-Peñuela, que vai desde o Rexurdimento ata a Xeración Nós. Este galardón pretende tamén honrar os valores de protección e mecenado da familia para con Padrón, coa cultura galega en xeral e para con figuras de tanta relevancia coma Rosalía, Manuel Murguía ou Alfonso Daniel R. Castelao.

O premio ten carácter bianual e poderán concorrer a el todas aquelas obras de ensaio ou investigación publicadas ao longo dos anos 2020 e 2021, sexan libros ou documentais, sempre que estean en relación con algún aspecto do fondo documental, sexa cronolóxico e que vaia do Rexurdimento á Xeración Nós, ou sexa temático: historia e literatura deste período ou referida a Padrón.

Segundo as bases, as obras poderán ser presentadas a concurso tanto polas editoriais ou produtoras como polos membros do xurado constituído. O prazo de presentación remata o 31 de outubro de 2022. A entrega do premio, que será honorífico (diploma e insignias da Casa de Rosalía), terá lugar no transcurso dun acto literario a celebrar no auditorio da Fundación Rosalía de Castro.

Na súa primeira edición o fallo do xurado recoñeceu dúas obras ‘ex aequo’: a biografía de Rosalía de Castro, Cantos de independencia e liberdade (Galaxia, 2017), de María Xesús Lama; e A nosa Terra é nosa!: A xeira das Irmandades da Fala 1916-1931 (Baía Ensaio, 2016), de Emilio Insua. Na segunda edición o premiado foi As orixes da fotografía en Galicia, de Carlos Castelao (Alvarellos Editora, 2018, en coedición co Consorcio de Santiago).

O Arquivo Baltar-Feijóo é o fondo documental de Ramón Baltar Feijóo e Ernesto Baltar Santaló, un arquivo de primeira magnitude que regresou a Galicia e a Padrón en 2016 grazas ao depósito desta familia á Casa-Museo de Rosalía. Inclúe correspondencia, moita dela inédita, de importantes persoeiros da historia de Galicia como Rosalía de Castro, Murguía, Castelao, RAG, Alfredo Brañas, Pérez Lugín e moitos outros.

A Fundación Rosalía creou un espazo dentro da propia Casa-Museo dedicado a este fondo, que foi dixitalizado e posto a disposición do público. Nel contense importante documentación, maioritariamente inédita, composta por un total de 445 pezas procedentes da familia Baltar, gardada desde Ángel Baltar Varela e principalmente por Ramón Tojo. O seu ámbito cronolóxico vai desde o tempo en que Rosalía se instala coa familia na casa da Matanza (1883) ata os anos vinte do pasado século.

06 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito