Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Corenta pedras e amoado ecolóxico para elaborar as ricas filloas da Baña

A Baña. Cada ano máis e, sobre todo, mellor. A Festa da Filloa da Pedra da Baña celebra esta fin de semana a súa 19 edición recuperando os dous días de festa e, como gran novidade, cun produto 100% ecolóxico. Un total de 40 pedras daranlle forma a máis de 1.800 litros de amoado feito con 200 quilos de trigo do país, 220 ducias de ovos e 30 quilos de touciño cedidos polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Será precisamente o presidente do CRAEGA, Francisco López Valladares, quen este domingo lea o pregón dunha festa que xa arrincou o sábado coa inauguración oficial, presidida polo alcalde, Andrés García Cardeso, e representantes das asociacións de filloas da Baña e Muimenta. Unha edición máis, e xa van tres, as filloas desta localidade luguesa responden ao convite bañense e estarán presentes no pavillón de San Vicenzo para que poidan degustalas tamén todas as persoas asistentes.

Foi a música da Banda Ateneo de Negreira a encargada de abrir este sábado a XIX Festa da Filloa da Pedra da Baña, cun pasarrúas dende a praza do Concello e un concerto no polideportivo logo da inauguración oficial. Os primeiros visitantes puideron gozar do son de pandeiretas e gaitas grazas a unha animada Foliada Filloeira na que participaron As Atrevidas de Monte, Amigas da Foliada, a Escola Municipal de Música Tradicional do Concello da Baña, Santa Combers e a Escola Municipal de Pandeiretas de Negreira. E, para pechar a xornada, houbo baile coa orquestra Finisterre.

O ambiente festivo completouse, no polideportivo e os seus arredores, con atraccións de feria para a cativada, polbeiras e diversos postos de comida, artesanía, roupa ou xoguetes.

Domingo, dende as dez da mañá

O domingo, o pavillón de San Vicenzo abrirá xa ás dez da mañá e a xornada ofrecerá a posibilidade de degustar as filloas da pedra e as de Muimenta acompañadas de racións de orella, chourizo e lacón, como propostas salgadas, ou de chocolate, nata ou mel para os máis larpeiros. Detrás das pedras, de seguro, haberá a oportunidade de volver a ver a habituais desta cita como a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Tamén visitarán a festa a presidenta e a xerenta do GDR Terras de Compostela, Guarina Rey e Chefa Fernández; así como alcaldes e concelleiros da contorna.

A animación correrá a cargo do grupo de gaitas Santa Combers (12.00 horas), a charanga Os Atrevidos (15.30 horas) e unha gran verbena coa orquestra Olympus a partir das sete da tarde. Ademais, no descanso haberá unha tirada de fogos artificiais.

12 feb 2023 / 06:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.