Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 25 noviembre 2020
22:17
h
ENTREVISTA
Xurxo Neo, piloto de trial que conseguiu o título de campión de España na categoría xuvenil A

“Creo que estou nunha boa línea e se sigo así hai posibilidades de volver a gañar no 2021”

Xurxo Neo, piloto de Urdilde (Rois), proclamouse a pasada fin de semana campión de España de trial por segundo ano consecutivo con tan só trece anos. Nesta ocasión participou na categoría xuvenil A, gañando catro das cinco probas desputadas esta tempada. Impúxose nas dúas de Pobladura de las Regueras (León), obtivo un primeiro e un segundo posto nas de Ripoll (Girona) e conseguiu o título con outra vitoria en Cal Rosal (Barcelona), cando lle era suficiente acadar o oitavo posto. A afección polas motos venlle de familia xa que o seu pai, Javier, competiu moitos anos en trial. Familiares e amigos recordan a Xurxo andar sobre unha moto eléctrica dende pequeno. Así era de esperar que con só sete anos foi campión galego infantil.

Recordas cando foi a primeira vez que tiveches contacto cunha moto?

Montei por primeira vez cando tiña catro anos. Era unha moto con arranque a motosierra, pequena e adecuada para nenos.

Con sete anos acadaches o título de campión galego infantil. Un feito sorprendente, non?

Por aquel momento había campionato galego para adultos e infantil. Aos seis anos xa participei cunha pequena moto de trial eléctrica e ao segundo ano conseguín ser o gañador.

Cando e onde adestras?

Adestro na leira da miña casa, onde xa teño unha zona preparada con pedras. A maiores teño outras áreas marcadas para as cales preciso desprazarme en coche. Se teño clase case nunca lle dedico tempo pola semana porque prefiro centrarme nos estudos. Aproveito os sábados e domingos e incluso algún venres pola tarde.

Fai anos o teu pai tamén competiu en trial. Foi a persoa que te guiou por este camiño?

Si. Cando competía eu ía velo sempre ás carreiras e despois cando comecei a correr meu pai decidiu deixalo para poder acompañarme en cada competición.

Tamén é o teu mochileiro. Podes explicarme en que consiste esta tarefa?

O mochileiro é unha persoa que coñece ben as zonas das probas. Controla o tempo, se tes posibilidade de caer cóllete, ten unha mochila con auga... En definitiva vai prestando atención e axudando en todo momento.

Deuse algunha circunstancia durante estes meses de competición?

Como falabamos meu pai é a persoa que me acompaña sempre pero na última proba non foi posible. Un par de semanas antes rompeu o tendón de Aquiles polo que non puido vir de mochileiro. Tivemos que buscar outra persoa e xusto cadrou que por estar en contacto con positivo por covid-19 non puido vir. Ao final atopamos no lugar da proba uns amigos de Coruña que tamén participaban no campionato e un deles foi o meu mochileiro. A verdade é que tiven sorte e estou moi agradecido.

Que che dicía a túa familia e compañeiros cando comezaches no trial?

Recordo que ao principio cando vían videos meus quedaban impresionados e non entendían moito como podía facer esas cousas na moto. Todos me dicían que lles parecía moi perigoso. Agora xa están acostumados.

Sufriches algunha lesión que che impedira andar na moto?

Non tiven lesións graves pero si caídas “un pouco feas”. No Campionato de España de 2019 perdín o equilibrio nunha zona alta e caiume a moto por encima. Foi unha caída impactante que vou recordar toda a vida aínda que por sorte non me manquei.

Que pensas no momento previo ao inicio dunha proba?

Só penso en como son as zonas que teño que percorrer. Pecho os ollos e concéntrome só na carreira. Sempre hai nervios pero cando dou o primeiro acelerón vanse.

Esperabas acadar o primeiro posto no Campionato de España?

A verdade é que non. Tomeino con calma e na proba final ao non estar meu pai era un pouco estraño. Non era unha carreira fácil pero fíxena pensando en min e saiume bastante ben.

Hai cambio de categoría para o 2021?

Para a seguinte tempada subo a categoría Cadete, un cambio bastante alto do nivel das zonas. Intentarei loitar polo título. Creo que estou nunha boa línea e se sigo así hai posibilidades de volver a gañar.

Cales son os teus obxectivos para os próximos anos?

O trial é un deporte que me gusta moito xa dende pequeno. Intentarei chegar ao nivel máis alto, algo que lle gustaría moito ao meu pai.

19 nov 2020 / 19:43
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.