Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 31 octubre 2020
01:01
h

Dan comezo as actividades da II Semana Europea de Mobilidade en Ames cunha charla dirixida ás persoas maiores

O evento terá lugar no local social do Club de Xubilados do Milladoiro mañá, xoves 17 de setembro, ás 18:30 horas

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, organizou unha programación específica para conmemorar a II Semana Europea da Mobilidade. Dita programación comeza coa conferencia `Querémoste segura/o´, a través da cal se pretende abordar as preocupacións sobre seguridade viaria e mobilidade no concello que inquietan ás persoas maiores. O evento terá lugar no local social do Club de Xubilados do Milladoiro mañá, xoves 17 de setembro, ás 18:30 horas.

Esta charla está dirixida a persoas maiores é tratará sobre seguridade viaria e sobre as inquedanzas que teñen as persoas maiores sobre a mobilidade no concello. Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente. Entre as persoas que participen en dita charla repartiranse chalecos reflectantes e folletos informativos con diferentes recomendacións de seguridade viaria.

A través desta actividade, que non require previa inscrición, informarase aos veciños e veciñas sobre como e onde circular, xa sexa como peón ou co vehículo, para evitar riscos. Ademais, a Policía Local de Ames dará recomendacións para que viaxar no trasporte público sexa algo cómodo e seguro entre as persoas maiores. A charla pecharase recordando a importancia de acudir ás revisións médicas periodicamente.

RECOMENDACIÓNS DE SEGURIDADE VIARIA. Deste xeito, explicarase que na rúa para cruzar deben usarse os pasos de peóns. Se non hai que buscar zonas de ampla visibilidade e o cruce de camiño máis curto. Antes de cruza hai que agardar na beirarrúa e asegurarse de que os vehículos están detidos. Se non hai beirarrúa hai que circular sempre polo lado esquerdo da calzada e con chaleco reflectante.

Outras recomendacións que se darán serán que hai que agardar ao autobús na parada e non sobre a calzada. No interior do autobús débese agarra ás barras en todo momento, especialmente ao arrancar e parar. Despois de baixar, hai que agardar ata que o autobús marche para poder cruzar a calzada. En canto á circulación, hai que procurar circular nas horas con menos tráfico, evitar os días de choiva e as vías pouco iluminadas. Tamén se deben evitar os desprazamentos longos, xa que requiren de máis atención e ocasionan un maior esgotamento. Ademais, hai que manter actualizados os coñecementos das normas de tráfico.

Sobre a saúde, recoméndase facer revisións periódicas xa que son de gran axuda para detectar problemas. Se se toma algún medicamento hai que consultar co médico se están contraindicados para conducir; e se se usan gafas ou se existe algún tipo de problema de visión, hai que facer revisións periódicas e preguntar como poden afectar ao volante.

ACTIVIDADES DA II SEMANA EUROPEA DE MOBILIDADE. A programación de actividades continuará durante os vindeiros días ata o domingo 20. O venres poderase apuntar á marcha ciclista nocturna e o sábado aos xogos populares en bici. A semana de actividades de mobilidade pecharase coa andaina pola senda que une as localidade do Milladoiro e Bertamiráns.

16 sep 2020 / 16:39
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.