Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Mario Fernández xunto a José Carlos Sánchez Pardo foron os directores científicos do grupo de investigación que realizou as escavacións do 1 ao 6 de xuño // Todo apunta a que os restos de muralla datan entre o século IX e X

Danse a coñecer os resultados da intervención arqueolóxica no Castelo de Portomeiro

O período comprendido entre o século VIII e S. X está considerado un dos menos estudados a nivel arqueolóxico en Galicia. Síncrisis, un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela conseguiu recuperar unha mostra de materiais desta época bastante grande no Castelo de Portomeiro que lles permitiu coñecer como era o material e construción do momento.

A idea de escavar no Castelo da parroquia dubresa xa fora estudada polo director da intervención, Mario Fernández Pereiro durante a realización da súa Tese de Doutoramento. Durante as visitas de prospección superficial do terreo valorou que o xacemento tiña moita potencialidade xa que estaba bastante ben conservado. Deste xeito, Mario xunto a José Carlos Sánchez Pardo conseguiu financiamento a través do Proxecto de investigación “Arqueoloxía tardo-antiga e altomedieval en Galicia (2015-PN002). “Ademais por aquel momento descubrimos na prensa que a alcaldía de Val do Dubra na súa anterior lexislatura estaba disposta a adquirir o Castelo para poñelo en valor, que finalmente comprou a Asociación Larada”, comenta Mario. Pola súa parte conseguiron a autorización do propietario, un veciño de Portomeiro que lles cedeu os terreos para realizar a perforación.

A idea orixinal era realizar a actuación a primeira semana de marzo, pero ao coincidir co estado de alarma tívose que anular. O traballo de campo levouse a cabo do 1 ao 6 de xuño. Hoxe en día continúan as tarefas de laboratorio. “Todo o material recollido durante a extracción (mobles, cerámica, vidro, metais) está a analizalo unha estudante do máster de Arqueoloxía da Universidade de Compostela para o seu traballo final”, apunta.

HIPÓTESE VS RESULTADOS FINAIS. A primeira hipótese antes de iniciar as escavacións era que se trataba dun Castelo altomedieval, entre o século V e IX. “Non tiñamos clara a cronoloxía porque aparecían diferentes indicadores na superficie”, di.

Ao finalizar a investigación xa se comunicara que se levaría a cabo unha charla para contar en primeira persoa á veciñanza e a todos os interesados os resultados da intervención. A presentación preliminar celebrouse o pasado mércores 16 de decembro no Colexio de Portomouro. Os participantes poideron coñecer as datacións. “Os restos arqueolóxicos na muralla situánse arredor do século IX e X, entre o ano 800 e finais do 900. Ao escavar tamén vemos que hai unha fase previa posiblemente prehistórica, do século IV a.C”, explica Mario. Por outra parte fíxose unha aproximación dos edificios que se localizan no interior do edificio amurallado e falouse da posibilidade de que o Castelo continúe ladeira abaixo e que exista unha segunda liña de defenda con posibilidade de outras estruturas.

IDEAS A CURTO PRAZO. Ao tratarse dun proxecto de investigación teñen un ano dende a finalización da escavación ata a entrega obrigatoria dos materiais no museo que indique a Dirección Xeral de Patrimonio. Existen posibilidades de continuar as intervencións grazas ao bo acollemento que existe segundo conta Mario. Se todo segue un bo camiño habería a posibilidade de nos vindeiros anos crear un museo de sitio para que parte das pezas mellor conservadas se recollan nun museo no que se poidan visitar.

A idea do grupo de investigación é continuar o ano que ven coa sondaxe no Castelo de Portomeiro. “Por conversacións cos propietarios vemos que están dispostos a ceder o terreo e o Concello dubrés tamén está interesado en continuar colaborando, polo que habería que buscar financiamento da Deputación ou da Xunta de Galicia”, explica.

OUTRAS INTERVENCIÓNS. Hoxe en día estanse a levar a cabo estudos noutros castelos de municipios galegos para así elaborar un traballo conxunto. Este é o caso de Faro de Budiño (Porriño) e Castro Valente (Padrón - A Estrada). Mario Fernández era consciente de que os castelos estaban nun punto negro da arqueoloxía galega e debían ser estudados. “Os castros prehistóricos coñécense e as fortificacións romanas tamén son moi estándar. Quero valorar este tipo de castelos do S. V ao S. X, que ata agora non se coñecían e dos cales non había investigación arqueolóxica”, afirma.

23 dic 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.