Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
O presidente da Deputación visitou a empesa Nanogap sita en O Milladoiro // É pioneira na producción de clústers cuánticos atómicos e nanopartículas // Nacida no seo da USC ten outra sede en California, en Estados Unidos TEXTO M. Rendueles

Destacan a tecnoloxía creada e desenvolvida por firmas galegas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou onte o Concello de Ames, onde puido coñecer as instalacións de Nanogap, empresa galega pioneira en España na producción de clústers cuánticos atómicos (AQCs) e nanopartículas. Formoso participou, xunto ao alcalde de Ames, José Miñones, e o deputado de Promoción Económica e concelleiro amiense, Blas García, nunha reunión coa fundadora e CEO de Nanogap, Tatiana García, que asistiu por videoconferencia; o fundador e director técnico, Arturo López Quintela; o accionista e asesor ténico da firma, David Buceta, e o director xeral de XesGalicia, Rubén Aguion, entre outros.

A compañía, que naceu como unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela (USC), desenvolveu unha nova tecnoloxía única a nivel mundial, denominada clústeres cuánticos atómicos, AQCs ( siglas en inglés), coa que conseguen desenvolver partículas subnanométricas que confiren ao produto final unhas propiedades específicas e únicas. O campo de aplicación destes AQCs é ilimitado: produción de materiais condutores, antimicrobianos, luminiscentes, así como melloras nos procesos catalíticos na industria química. Un exemplo de aplicación actual no que a firma se atopa involucrada é na produción de hidróxeno verde, sendo estes clústeres cuánticos peza fundamental no proceso de produción, o que permite obter uns rendementos e conversión superiores aos obtidos a partir das tecnoloxías actuais.

“Hoxe visitamos unha empresa que demostra que é posible apostar pola tecnoloxía creada e desenvolvida desde Galicia nun centro de coñecemento tan activo, referencia dunha tecnoloxía única no mundo” resaltou o presidente provincial que se amosou ilusionado por “ver que a investigacion en Galicia é posible” nun campo como o da nanotecoloxía, cun gran potencial de desenvolvemento no campo da Medicina ou na mellora de procesos industriais para facelos menos contaminantes.

Na reunión González Formoso aludiu tamén á orixe da empresa no seo da USC e incidiu na importancia da transferencia de coñecemento desde o ámbito universitario ás empresas para xerar valor engadido e produtos innovadores.

Pola súa banda, Arturo López Quintela, cofundador e director técnico de Nanogap, destacou o esforzo que están a realizar, “posto que non hai unha bagaxe anterior que permita facer isto de forma sinxela”. Incidiu tamén nas apliacións prácticas da nanotecnolxía para tratar determinados tipos de enfermidades oncolóxicas ou a produción de hidróxeno verde, un dos combustibles do futuro. “Moitas das cousas nas que estamos traballando aquí estarán implementadas en diversos campos en poucos anos”, afirmou. O modelo de negocio da compañía baséase no desenvolvemento personalizado de produtos á medida das necesidades do cliente. É por iso que no 2020 construíuse unha nova unidade de catálisis (Demo Lab) para proporcionar unha plataforma de ensaio dos seus produtos para diferentes aplicacións.

Nanogap ten dúas fábricas de produción, en O Milladoiro (Ames) e en San Francisco, California (EE. UU.), cubrindo así a demanda dos seus produtos a nivel mundial.

O protagonista
“ ames require un esforzo en equipamentos”
Valentín González
Presidente da Diputación

Na súa visita a Ames, Valentín González Formoso tamén se achegou, ata o campo de fútbol de Bertamiráns, completamente renovado grazas á colaboración económica da institución provincial. O campo foi dotado de terreo de xogo de herba artificial de última xeración, rede de rego, torres de alumeado LED de 16 metros de altura, proteccións perimetrais e novo equipamento deportivo para a práctica de fútbol 11 e fútbol 8 cun investimento de 357.383 euros, dos que a Deputación achegou o 80%. Trátase dunha obra que foi moi demandada polo clube xa que utilizan o campo 500 rapaces.

O presidente provincial destacou que a institución fai “especial fincapé en concellos como Ames, que excepcionalmente medran e teñen unha presenza de xuventude importante, o cal require un reforzo de equipamentos deportivos e culturais”, destacou Formoso.

{ contra corrente }
Investir en futuro
M. Rendueles

nanogap é un dos exemplos de pequenas compañías galegas nacidas ao amparo da universidade e que triunfan grazas sobre todo ao gran esforzo e bo traballo que fan os profesionais que as dirixen, xa que aínda segue a ser moi escaso o investimento que fan as administracións en I+D+i . Naceu no 2006 como unha spin-off da USC e grazas as investigacións de dous catedráticos, José Rivas e Arturo López. O que empezou como unha pequena firma tecnolóxica, hoxe en día é capaz de atraer grandes inversores, como Repsol, que se uniu ao proxecto, e conta con clientes repartidos por Europa, EE. UU. e Xapón. E é desde aquí, da central de O Milladoiro, desde onde promoveu as operacións de I+D+i e de produción.

05 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.