Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
COMUNICACIÓNS. Dedicará a Deputación da Coruña a metade do orzamento para a provincia ás estradas da zona // Investirá un promedio duns 4.000 euros por quilómetro // Centrarase na mellora de firmes e da sinalización TEXTO José M. Ramos

Destinan catro millóns para o mantemento de vías en Área

A Deputación da Coruña investirá este ano 7.902.029,66 euros no Plan de Conservación de Vías Provinciais, dos cales algo máis de catro millóns irán destinados ao mantemento das estradas da Área Metropolitana de Santiago. A proposta vén de ser aprobada na Comisión de Vías e Obras e será ratificada polo pleno provincial que se celebrará o vindeiro día 26 de febreiro.

A maior parte dos investimentos destinaranse á renovación de firmes e capas de rodadura (55 % do orzamento) e á actualización da sinalización vertical e horizontal (20,5 %). Pola súa banda, a apertura e limpeza de cunetas dedicarán preto do 8 % do investimento, e a instalación de defensas viais e obras de drenaxe un 6 % para cada unha, respectivamente, segundo informan dende o citado organismo provincial.

Os investimentos aprobados distribúense nun total de 36 grupos de actuación. Así, para as vías de Frades, Ordes, Oroso e O Pino habilitouse unha partida de 173.387,43 euros; para Melide, Santiso, Sobrado e Toques, 248.367,67 €; e para Arzúa, Boqueixón, O Pino e Touro, un total de 198.131,93 euros.

Pola súa banda, ás vías de Ames, A Baña, Negreira e Val do Dubra destinarán un orzamento de 215.504,63 €; a Ordes, Santiago, Tordoia, Trazo e Val do Dubra, 258.684,98 euros; a Brión, Dodro, Padrón e Rois, un total de 233.355,28 €; e a Ames, Santiago, Teo e Vedra outra partida de 180.213,54 euros.

Na comarca de Bergantiños contémplanse dous grupos. Un deles formado por Carballo, Cerceda e A Laracha, onde se investirán 390.293,62 euros, e outro para Cabana, Malpica e Ponteceso, cunha dotación de 351.500,95 €. Pola súa banda, Coristanco figura no grupo no que tamén se inclúen os concellos de Santa Comba e Zas, cun investimento previsto de 205.761,67 euros.

En canto a Costa da Morte, en Camariñas, Laxe, Muxía e Vimianzo investiranse 154.949,5 euros, e en Cee, Corcubión, Dumbría e Mazaricos un total de 161.523,2 €.

Polo que respecta a Barbanza e a comarca de Noia-Muros, en Mazaricos, Muros e Outes investirán 227.804,3 euros; en Boiro, Lousame e Noia, 282.203,65 €; en Boiro e Rianxo outros 173.370,39 €; e para A Pobra do Caramiñal e Porto do Son a cifrá é de 382.214,29 €.

Tamén se contempla unha partida específica para o mantemento e conservación da estrada DP-1914, que une Carballo con Portomouro (Val do Dubra), dotada con 139.659,62 euros, e outra para a vía DP-3404, que enlaza as localidades de Serra de Outes e Dumbría, na que se investirán 101.438,29 euros.

Ademais do Plan de Conservación, o servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, do cal é titular José Manuel Pequeño, conta cun programa destinado exclusivamente á roza e limpeza das marxes das estradas provinciais, no que invisten anualmente preto de medio millón de euros. Dende o ano 2017, as rozas das estradas provinciais son obxecto dun contrato independente do Plan de Conservación, co obxectivo de mellorar e axiliar este servizo, no que se inclúe a limpeza das marxes de todas as estradas varias veces ao ano, para deste xeito mellorar a visibilidade da circulación, evitar a propagación de incendios e facilitar a drenaxe de augas pluviais.

“O obxectivo é aumentar a seguridade”
{ pasaba por aquí}
Conservar o que temos
Manuel Lavandeira

manter as vías en bo estado para garantir a seguridade dos usuarios das mesmas non é un gasto, senón un investimento en calidade e unha aposta pola redución da sinistralidade, algo que non ten prezo. Como ben sinala o deputado responsable da área de Obras, é máis importante conservar o que temos nunhas condicións óptimas que a propia construción de novas vías de comunicación. E non só se trata de tapar baches e parchear o asfalto, senón que as actuacións de conservación e mantemento deben abarcar todos os aspectos e elementos dunha estrada: sinalización, limpeza de cunetas, drenaxes e outras melloras que faciliten a condución dos automovilistas e garantan, á súa vez, a seguridade dos peóns e dos ciclistas.

22 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.