Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
FINANCIACIÓN. Reciben contías de entre oito mil e dez mil euros para persoal ou para mantemento e conservación de equipamentos // Arzúa terá tamén dezanove mil para o seu conservatorio, e Carballo, Melide, Noia e Ribeira, vinte mil TEXTO S. S.

Dezaseis escolas musicais afinan en Área coas axudas para gastos

A Deputación Provincial da Coruña destina este ano 368.500 euros para o mantemento dos conservatorios e escolas de música e danza de vinte e nove concellos da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a concesión provisional das axudas dirixidas a municipios e entidades locais que permitirán financiar a reparación e a conservación de equipamento, as contratacións externas e as subministracións, entre outros.

As aportacións da institución provincial van destinadas tamén a sufragar gastos de ditas instalacións relacionados co seu funcionamento, mantemento e persoal.

“A través desta liña queremos dar apoio á formación artística nas diferentes escolas e conservatorios da provincia”, sinala a deputada de Educación, Sandra González.

“Estes espazos son verdadeiros puntos de encontro para a cidadanía e neles medran os e as artistas do futuro”, destacou a deputada, quen subliñou que as mencionadas axudas “responden á filosofía da Deputación coruñesa de facer accesible a formación cultural máis alá das grandes cidades, permitindo que pequenos e medianos concellos poidan ofrecer tamén estes servizos”.

A Baña, As Pontes, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Culleredo, Lousame, Melide, Mugardos, Muros, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Sada e Santiago de Compostela son os concellos que solicitaron estas subvencións para os seus centros de formación artística.

Dous deles concorreron á liña para dous centros distintos; é o caso de Arzúa, para a Escola de Música Municipal e o Conservatorio de Música Profesional, e Oleiros, para a Escola Municipal de Música A Fábrica e a Escola Municipal de Danza.

As axudas concedidas oscilan entre un mínimo de 8.500 euros e un máximo de 20.000 euros. No ámbito de Área de Compostela son vinte os municipios beneficiarios desta liña de axudas. Así, para o mantemento das súas escolas de música, A Baña recibirá 8.500 euros; Ames, 9.500; Arzúa, 8.500; Brión, 10.000; Cabana de Bergantiños, 8.500; Carnota, 9.500; Cee, 9.500; Lousame, 9.000; Muros, 9.000; Negreira, 9.000; Ordes, 9.000; Oroso, 8.500; Padrón, 9.000; Ponteceso, 8.500; Porto do Son, 8.500; e Rois, 10.000. Asimesmo, recibirán subvencións para mantemento dos seus respectivos conservatorios os concellos de Arzúa (19.000 euros); Carballo (20.000); Melide (20.000); Noia (20.000); e Ribeira (20.000).

AUDICIÓNS EN AMES. Precisamente o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames amosa estes días o aprendido durante este curso a través dunha serie de audicións que se prolongarán durante todo o mes de abril. As audicións comezaron o xoves, día 8, co alumnado de canto. O martes 13, ás 19.00 horas, tocaralle ao de saxofón.

O de guitarra amosará o seu traballo o mércores 14 ás 19.00 horas; o de percusión, o día 19 ás 18.00; e o de frauta, o luns 26 ás 10.30. Pecharán as quendas de audicións os alumnos e alumnas de violín o xoves 29 nun horario que se confirmará a medida que se achegue a data.

areadecompostela@elcorreogallego.es

a protagonista
“En Ribeira hai cursos de dez instrumentos”
Juana Brión
Edila de Educación de Ribeira

O Conservatorio de Música Profesional Enrique Paisal, de Ribeira, conta cun equipo docente formado por quince profesores e asisten a clases das diferentes especialidades preto de 150 alumnos. “Impártense dez especialidades, tanto de grao elemental como profesional: piano, guitarra, violín, viola, violonchelo, frauta, clarinete, saxofón, trompeta e gaita”, sinala a concelleira de Educación, Juana Brión. A edil explica que “periodicamente, as intalacións do centro dan cabida ademais a cursos intensivos aos que acuden para impartir as clases profesores de renome de diversos instrumentos”. A mediados de maio convocarase o curso preparatorio para aquelas persoas que desexen ingresar no conservatorio no próximo curso.

Trátase dun centro de ensinanzas de réxime especial que imparte os graos elemental e profesional de música. No ano 1979 ponse en funcionamento a Escola de Música Municipal de Ribeira, sendo filial do Conservatorio Superior de Música da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela. Isto permitía impartir ensinanzas oficiais na capital do Barbanza, baixo a premisa de facer os exames finais no Conservatorio Superior de Santiago. As especialidades que inauguraron a andaina musical no citado concello foron as de piano e solfexo. Finalmente, en 2004 a instalación ribeirense constitúese como centro formativo de grao profesional.

{ a letra pequena }
Historia en partituras
Suso Souto

EN 1929, un grupo de 19 veciños da Pobra do Caramiñal arrinconaban os instrumentos da que foi unha das mellores bandas de música do Barbanza. Os tempos non estaban daquela para demasiado ocio. En 2011 (oitenta e dous anos despois) Manuel Ángel Sobral Rial conseguiu que a localidade volvese contar cunha agrupación musical municipal, empezando por crear unha escola para crear canteira. A historia dun pobo escríbese tamén en partituras. Fomentar a cultura musical debera ser unha obriga no mandato de calquer alcalde. Por iso resulta plausible que a Deputación da Coruña teña a sensibilidade de poñer unha liña de axudas para as escolas e conservatorios de pequenos concellos que poden ter dificultades para os seus gastos.

12 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.