Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

“É complicado facer un núcleo forte se a xente vai mercar fóra”

Como valora os seus seis primeiros meses á fronte da alcaldía de Brión? Era o que esperaba?

Pois foron meses de moito traballo, humildade e esforzo para conseguir que os veciños e veciñas de Brión se sintan atendidos polo seu Concello, que é o que penso que debemos facer. A situación non é doada en ningún sentido. Non se pode facer case ningún evento, reunións cos veciños para explicarlles o que estamos facendo ou o que imos facer. É unha etapa complicada pero con esforzo, humildade e traballo estamos sacando todo adiante.

O anterior alcalde foi elixido durante máis de catro décadas... Prantéxase un mandato prolongado se militancia e electorado así llo pide?

José Luís saíu elixido alcalde o mesmo ano que nacín eu, con iso dígoo todo. E se estivo tantos anos foi porque a xente sentía que facía cousas polo pobo. O meu é un proxecto curto, en principio de dous anos, e o que quero é facelo ben. Non teño outras aspiracións. Se o fago ben e á xente lle gusta o noso traballo, despois eles decidirán. E se non, marcharei coa cabeza moi alta porque ninguén poderá dicir que collín nin un só céntimo do Concello ou que non atendín a algún veciño ou veciña como se merecía.

Durante décadas o Concello de Brión non quixo ter Policía, dando como argumento a suposta seguridade local. Xa a teñen... poderíanse sumar tamén outros servizos como o do punto limpo pese ao custo?

Non é tanto que non quixeramos ter máis Policía como que tentamos conseguir ese servizo en cooperación co veciño Concello de Ames, pero ao final non foi adiante. Unha colaboración que penso que nos tería beneficiado a ambos municipios pois a veciñanza de Brión podería acceder a servizos como o da Policía Local ou ao propio punto limpo, mentres que os veciños de Ames se terían beneficiado da maquinaria da nosa brigada de obras. Hoxe as cousas cambiaron moito e a lexislación actual non nos permite aumentar prazas nin repoñer todas as que se xubilan. No caso de Brión, iso prexudicounos moito pois fixo minguar unha das nosas xoias como era a brigada de obras. Máis que incrementar o número de Policías Locais, para Brión sería máis importante que nos deixaran repoñer todos os integrantes desa brigada de obras.

Con García presentáronse algúns edís históricos como Cambón, Rey ou Quintela... colleuno por sorpresa a súa designación?

Eu entrei en política un pouco de casualidade. Nunca me gustou a política nin expoñerme en público. Gústame pasar desapercibido e traballar humildemente. Montei o meu negocio con traballo e máis traballo e nunca se me pasara pola cabeza estar onde estou. Un día recibín unha chamada dunha concelleira por se me interesaba ir na lista. Contestei que nin de broma, que non tiña tempo, que estaba cos problemas da construción da miña casa, que acababa de ter a segunda nena e que non era o momento. Despois tiven unha reunión con Luís e volvinlle dicir que non. El insistiu e ao final díxenlle: “Se é por botar unha man aos veciños e veciñas de Brión, vou na lista pero se pode ser de número 20 que non sexa de 19”. Pasaron os días e comunicoume que contaban comigo e que estaba de número 2 na lista. Nun principio pensei que era unha tolemia, pero comprometinme a traballar por este proxecto.

Cales son os alicientes do seu municipio e que carencias teñen?

Brión é un lugar fermoso tanto para visitar como para vivir, cunha gran oferta sociocultural e cunhas infraestruturas e uns servizos que non dispoñen municipios do seu mesmo tamaño. De feito, o noso esforzo agora está centrado en manter nas mellores condicións todo o que hai, non tanto facer cousas novas. Temos que renovar o alumeado público e mellorar o estado de moitas pistas de monte. Ademais, quero pór en valor moitas das nosas fontes, cruceiros e elementos históricos, que precisan dunhas actuacións máis continuadas de roza e limpeza. E, sobre todo, o que nos falta é ter un núcleo principal consolidado. Foi algo que o confinamento puxo de manifesto pero tamén é un pouco a pescada que se morde a cola. Tivemos un centro comercial pero a xente facía as compras noutros sitios. Houbo quen protestaba estes días porque non había unha gran froitería en Brión, pero cando a houbo tivo que pechar porque non íamos comprar nela. E conseguir facer un núcleo de poboación forte xa é complicado, cando mais se a xente vai comprar a Ames ou a Santiago.

Despois de anos sen unha oposición combativa agora o BNG está supervisando con lupa a súa xestión... Cre que ten que ver coa súa irrupción na primeira líña da política?

Imaxino que verán a marcha de José Luís como unha opción de intentar algo que non foron quen de facer en máis de 40 anos. A nosa postura é seguir traballando polos veciños e mellorar a súa calidade de vida. Ademais, tampouco é malo porque de todas as críticas se aprende.

Pensa avanzar aínda máis na colaboración comarcal co outro municipio maián, Ames?

En Brión estivemos sempre abertos a colaborar con Ames. Xa o facemos en cuestións como na traída de auga e os programas de formación e emprego, e estamos dacordo en aumentar esa colaboración.

O coworking foi unha das demandas históricas da súa formación. Xa o teñen, como está funcionando?

Estamos moi satisfeitos coa marcha do proxecto Daquí Darredor. Pensade que estas instalacións se puxeron en marcha o 13 de decembro de 2019 e, a pesar dos problemas da pandemia da COVID, xa estamos falando de que se van empezar a vender produtos das nosas hortas, feitos pola nosa veciñanza, coa maior das calidades e cos máis estritos controis sanitarios. Dende o primeiro momento dixemos que este proxecto é unha iniciativa pensada para a xente e queremos que a xente que ve transformar os seus produtos aquí sexa a que se autoxestione, co apoio do Concello. Neste sentido, estamos moi satisfeitos de contar cada día con máis asociados.

Haberá algunha novidade?

De cara ao próximo futuro, dende o Concello estamos traballando para poder alugar o local a carón deste coworking para a venda permanente do produto fresco e elaborado que se faga nestas cociñas; e, por outro lado, acoller unha empresa que preste os servizos de catering e venda directa de comida preparada ao público en xeral, algo moi demandado nestes tempos: cociña caseira, cos mellores produtos das nosas hortas e feitos por veciños e veciñas. Ademais, teño o compromiso do presidente da Deputación de que nos próximos meses poderemos pór en marcha o matadoiro móbil, que incorporará a moitas persoas a este proxecto. Un proxecto complementario co anterior xa que teremos un matadoiro para conseguir aves e coellos dun xeito ecolóxico e tamén teremos locais para a súa elaboración e venda directa.

Que obra lle gustaría anunciar?

Estamos traballando para poder construír unha gran área deportiva en Brión, que albergará unha pista para facer atletismo, parque de skate, calistenia e pistas multideporte.

05 abr 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.