Emprego para os mozos do rural
Queda aberto dende hoxe o prazo para solicitar as axudas PEL-Relevo e PEL-Rurinnova dirixidas a menores de 30 anos. A través delas, a Deputación da Coruña persegue a creación de emprego e a posta en marcha de proxectos empresariais novos no ámbito rural. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicaba onte a convocatoria destas dúas liñas de axuda enmarcadas no Plan de Emprego Local (PEL), que contan cun orzamento de 921.000 €, do que o 80 % está subvencionado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil, Fondo Social Europeo.
“Ambos programas demostraron ser de enorme utilidade á hora de fixar a poboación nas zonas máis rurais e contribuír ao seu desenvolvemento a través do apoio ao emprendemento da mocidade”, indica o deputado de Emprego do ente provincial, José Ramón Riobóo, que insiste en que as axudas “responden a un dos obxectivos estratéxicos do goberno provincial presidido por Valentín González Formoso: facer fronte ao declive demográfico que experimenta o rural galego, ofrecendo unha oportunidade á mocidade que aposta por quedarse no seu pobo e por crear aí o seu proxecto vital e laboral”, afirma.
A liña de axudas PEL-Relevo, que ten un orzamento total de 432.000 euros, permitirá subvencionar a contratación de 80 mozos e mozas menores de 30 anos nas empresas e microempresas dos municipios aos que se dirixe o programa. As contías a conceder poderán oscilar entre un mínimo de 2.700 euros e un máximo de 28.500. As achegas, segundo recalcan dende o ente provincial, estarán limitadas ás empresas que realicen contratacións indefinidas a tempo completo e é requisito fundamental para a mocidade contratada “estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estar empadroada nun dos municipios coas características poboacionais definidas con anterioridade”, apuntan ao respecto dende a Deputación.
Pola súa banda, PEL-Rurinnova destinará 489.000 euros para o fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais por parte dos menores de 30 anos. As contías poderán oscilar entre un mínimo de 4.050 euros e un máximo de 8.100 € por alta. “A Deputación continúa co seu apoio ao emprendemento sostible, e por este motivo dará prioridade de acceso a esta liña de subvencións aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e que conten con medidas de desenvolvemento sostible”, sinalan dende o citado ente provincial.
Insisten en que as axudas poden ser solicitadas por empresas e persoas emprendedoras de calquera dos concellos coruñeses que conten con menos de 5.000 habitantes, ou con menos de 10.000 e que presenten un saldo demográfico negativo.
Dentro da área compostelá son un total de 32 os municipios aos que se dirixen as subvencións desta convocatoria: Dodro, O Pino, Arzúa, A Pobra do Caramiñal, A Baña, Dumbría, Rois, Camariñas, Ponteceso, Fisterra, Boqueixón, Frades, Cee Porto do Son, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Santa Comba, Lousame, Melide, Vedra, Tordoia, Vimianzo, Mazaricos, Touro, Muros, Trazo, Val do Dubra, Outes, Corcubión, Muxía, Zas e Padrón.
As solicitudes poderán realizarse a través da plataforma electrónica Subtel da Deputación da Coruña.
É O FUTURO”
Alcalde de Vedra
O Concello de Vedra é un perfecto exemplo cando se fala de proxectos que buscan que a mocidade emprenda. E é que hai que lembrar que o municipio formou parte do programa europeo YouthNest.crea: incubadora transnacional de emprendemento creativo no rural europeo, integrado no Programa Erasmus+. Agora está implicado (no marco tamén de Erasmus+) en Entering the Gig Economy, liderado polo Consello do Condado de Meath (Irlanda) e no que participan organismos e municipios de Italia e os Países Baixos. “A xente nova é o futuro, así que benvidos sexan estos plans da Deputación, e todos os que houbo anteriormente”, sinala o rexedor vedrés. “Dende logo, animo a todos os mozos e mozas a acollerse a estas axudas para emprender e ás empresas a aproveitalas para facer contratacións”. O alcalde aproveitou para indicar que, a pesar da gravidade da pandemia, tivo algo positivo para as aldeas: “Hai moita xente que está buscando casa para mercar ou para rehabilitar aquí en Vedra, e cremos que a tendencia continuará este ano”.
nas aldeas
Dende logo que un dos grandes obxectivos que alberga o goberno local de todo pequeno concello é lograr que a mocidade se quede a vivir no rural, no canto de mudarse á cidade. E está claro que unha das mellores maneiras de conseguilo é incentivando as oportunidades laborais. A través destas liñas de axudas da Deputación dáselles a opción ás empresas sitas nas aldeas de facer contratos indefinidos a menores de trinta anos, e tamén a eses mesmos mozos e mozas de emprender. Subvencións deste tipo son moi necesarias non só para frear o declive demográfico no rural galego, senón tamén para abrirlle as portas do mercado laboral a toda unha mocidade perfectamente preparada, pero sen oportunidades de brillar.