Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Presentáronse un total de sesenta fotografías a esta segunda edición do certame
// Houbo tres categorías: paisaxe, macro e artística // En cada unha o xurado escolleu as tres mellores imaxes e outorgáronse tres accésits TEXTO Claudina Estévez

Enfoca Ames inmortaliza os lugares máis emblemáticos

A segunda edición do concurso de fotografía Enfoca Ames chegou ao seu fin co acto de entrega de premios. O acto estivo presidido polo alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López. O obxectivo deste certame é fomentar o achegamento da cidadanía aos lugares máis emblemáticos do municipio amesán.

Deste xeito, tralo ditame do xurado, entregáronse os premios aos autores e autoras das fotografías gañadoras da segunda edición do concurso Enfoca Ames. Este ano o xurado estivo composto por catro persoas, unha máis que na edición de 2021. Dos catro membros do xurado, dous foron aportados por XEA e outros dous polo Concello de Ames. O xurado estivo composto polas técnicas de Turismo, Sonia Moure, e de Medio Ambiente, Patricia Reboreda (persoal do Concello de Ames), e por Adrián Cunha, de Pixelín Photo, e Ramón Cordido, ambos propostos por XEA.

Na categoría paisaxe, o primeiro premio foi para Montserrat Leis Fernández coa foto, Remuíño de Paz. O segundo galardón recaeu en José Luís Gigirey González coa obra, Brétemas no val da Maía, mentres que o terceiro premio foi para Asier Lusarreta Lizarazu coa instantánea, Corrente Perenne. Os tres accésits recaeron en Roberto Sanmartín Almeida, Pablo Blanco Teijeiro e María Cristina Valdés Ferreiro.

Na categoría Macro a gañadora foi Beatriz Castro Cantón coa obra, Mundo Amarelo. O segundo premio recaeu en María del Carmen Fernández Villaverde coa fotografía, Sorriso arácnido, e o terceiro premio foi para Ainhoa Conde Castro coa obra, Estalotes polo San Xoán. Os accésits leváronos Patricia Pérez Corchado, Pablo Blanco Teijeiro e Francisco Javier Riaño Lueiro.

Por último, na categoría artística, o primeiro premio foi para Pablo Blanco Teijeiro coa instantánea, Paxaros. O segundo percibiuno María Cristina Valdés Ferreiro coa obra, Candado de Amor, e o terceiro galardón foi para Ainhoa Conde Castro coa fotografía, Vagamundo en AugaPesada. Os tres accésits leváronos Patricia Pérez Corbacho, Ignacio Sánchez Rial e Javier Antelo Seoane.

Outorgáronse tres premios en cada unha das tres categorías. O primeiro de 100 euros, o segundo de 50 euros e o terceiro de 25. Os nove son cheques para gastar nos comercios asociados á XEA.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, destacou “o éxito da segunda edición do concurso Enfoca Ames ao que se presentaron un total de 60 fotografías. Este certame posto en marcha pola asociación Xuntanza de Empresarios de Ames, en colaboración co Concello de Ames, vaise consolidando pouco a pouco, tal e como demostra o número de fotografías presentadas á edición deste ano. A intención é seguir apostando por este certame que trata de dar a coñecer distintos lugares e localidades do concello entre a veciñanza amesá”, indicou.

Pola súa parte, o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames, Jorge López, dixo estar “satisfeito pola boa resposta que está tendo este concurso”. Na segunda edición incrementouse a participación.

17 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.