Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Cun convenio entre o club que mira pola raza e a Fundación Rof Codina avalíase mediante test o seu comportamento // Deste xeito priman ós mellores reprodutores TEXTO M. Manteiga

Estudan o carácter ideal dun supercán de palleiro

O Club Raza Can de Palleiro (CRCP) e a Fundación Rof Codina veñen de pór en marcha un estudo no recinto silledense Feira Internacional de Galicia Abanca con test de comportamento entre unha ducia de exemplares da variedade enxebre e coa mira posta en “promover unha cría responsable desta raza e coñecer en profundidade as súas características temperamentais”. Trátase, segundo as mesmas fontes, duns exemplares con temperamento forte e reservado cos estraños, pero dócil co seu amo, valente e tamén mordedor, apuntan dende o citado club como denominador común.

A iniciativa inclúe un convenio mediante o cal o Servizo de Etoloxía do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina é o encargado de realizala. E foron doce os cans avaliados durante a pasada fin de semana, cunha duración do test de entre media hora e 45 minutos para cada exemplar. Nese tempo, expúxose ao animal a diferentes estímulos de distinta intensidade para valorar a súa reacción, sempre velando polo benestar de cada participante.

Estes test, que están validados cientificamente e que se repetirán en distintos puntos da xeografía galega coa fin de obter o maior número de participantes, son a parte presencial dun estudo que ten como obxectivo principal promover unha cría responsable desta raza e coñecer en maior profundidade as súas características temperamentais.

En concreto, e ademais do exame en vivo, incluíuse outro consistente nun cuestionario previo co que se pretende manter e potenciar perfís de comportamento específicos da raza ao longo do tempo. Grazas a el poderíase chegar a avaliar o comportamento da descendencia, monitorear o progreso da selección do comportamento dentro das razas ou liñaxes, elixir os mellores reprodutores e obter medidas de comportamento fenotípicas confiables para futuros estudos xenéticos do temperamento. Xa se obtiveron 178 cuestionarios de exemplares de can de palleiro, e cos resultados de ambos test esperan realizar unha elección máis eficaz dos futuros reprodutores, así como categorizar mellor o temperamento da raza.

Segundo confirma Angela González, responsable de Medicina de Comportamento do Hospital Veterinario Rof Codina, o que se fixo cos cans no recinto silledense foi “sometelos a distintos estímulos” para verificar, por exemplo, “como reaccionan diante de persoas. Primeiro facemos a proba cunha persoa, logo con máis, e tamén coa intensidade: camiñando normal ou camiñando rápido, porque pola rúa pode camiñar rápido”, aplaudindo a reacción da cadela de turno, Rula.

Así, a ducia de cans que acudiron a Silleda o sábado foron sometidos a probas de estrés e de introdución de estímulos para intentar predicir o comportamento da descendencia e escoller tamén as mellores cualidades para perpetuar. En concreto, a citada exemplar chamada Rula foi moi ben valorada tanto polos presentes como polo equipo da Televisión de Galicia desprazado ao feiral do Deza... e tamén polo seu propietario, José Reboiras: “Conveceunos moito, porque son moi equilibrados, así o podo corroborar. É un excelente compañeiro e un excelente gardián”. Os tests repetiranse noutros puntos de Galicia, aínda que os primeiros resultados apuntan a que están a cumprir os estándares.

Como características físicas, o animal é de tronco indoeuropeo, rústico e corpulento, de tipo lupoide, perfil recto, eumétrico, de tamaño medio, duns sesenta a sesenta e dous centímetros na cruz, mesodolicomorfo, de proporcións harmónicas e de constitución forte, con ósos bastante anchos (grosos), característica da súa rusticidade. As femias son algo máis baixas, de aspecto máis lixeiro e de proporcións máis lonxilíneas. E, malia presentar unha osamenta forte, non dá unha sensación de gravidez ou de animal linfático, xa que os seus movementos son rápidos e de boa musculación, según aportan desde a mesma asociación que mira por estes cans, tan ben adaptados para vivir e prosperar en Galicia dende tempos ancestrais.

O protagonista
“O especialista pode corrixir detalles”
Juan Carlos Puente
Presidente do Club de Raza Can de Palleiro

Para Juan Carlos Puente, presidente do Club da Raza Can de Palleiro, probas como as de Silleda ofrecen “unha información que resulta moi valiosa. Por unha banda, para o estudo do comportamento da raza de Can de Palleiro, e unha vez que se analicen todos os datos, e despois individualmente, ten o interese que a cada propietario, os detalles que se detecten que se poden mellorar, pois cun especialista do comportamento canino, que se poida corrixir: unha timidez excesiva, unha agresividade, ou ansiedade por separación”, enumeraba como algunhas das reaccións que poden presentar estes animais.

{ Trasquilator }
Confusións urbanitas
Marcos Manteiga

Non sei se será o común, pero a min pasoume: de toda a vida identifiquei aos cans de palleiro co típico exemplar do rural, produto do cruce de razas e, por riba, máis ben cativiño. Pero estes datos non coincidían co que vía na miña aldea nas fins de semana, na casa duns veciños, que sempre tiveron vacas e animais para gardalas: un bicho grande, moi semellante a un pastor alemán, pero cunha cor distinta, e que se botaba á xente de fóra. Pois ben, ese –en realidade, eses, porque coñecínlles tres similares– si que era un can de palleiro. E non é por minusvalorar o cruce de razas, que propicia animais tan listos como simpáticos... pero vai sendo hora xa de rematar coas dúbidas.

13 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.