Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Éxito de participación nas actividades da II Semana Europea da Mobilidade en Ames

Hoxe finaliza a programación específica con motivo desta conmemoración // Na marcha ciclista nocturna participaron 69 persoas e na andaina completáronse as 50 prazas ofertadas // A charla “Querémoste seguro/a” alcanzou o aforo máximo

Ames. Hoxe, 22 de setembro, ponse fin á conmemoración da II Semana Europea da Mobilidade en Ames. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, organizou unha programación específica con motivo de dita conmemoración. O programa comezou coa charla “Querémoste seguro”, dirixida ás persoas maiores de 65 anos. Ademais, realizouse unha marcha ciclista nocturna; actividades e xogos populares en bici; e unha andaina pola senda O Milladoiro – Bertamiráns. Ademais, no marco do fomento da mobilidade sen emisións, presentouse a campaña “A 30 Ames é máis! Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames.

“QUERÉMOSTE SEGURA/O”. Este ano a programación, que tivo moi boa acollida entre a veciñanza de Ames, comezou o xoves, 17 de setembro, cunha novidade no cartel respecto ao ano anterior. Esta vez optouse por unha charla dirixida aos maiores de 65 anos sobre seguridade viaria, que foi impartida pola axente da Policía Local, Cristina Ferreira. Os veciños e veciñas mostraron especial interese nesta actividade denominada “Querémoste segura/o”.

Proba disto é que se completou o aforo máximo deixando baleiras só dúas cadeiras do local do Club de Xubilados do Milladoiro. Ademais, os participantes nesta charla mostraron un gran interese formulando preguntas e compartindo as súas dúbidas. Deste xeito formaron parte dun coloquio máis que unha exposición teórica. Segundo anunciou a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, o Concello pretende organizar outra charla proximamente tralo éxito de participación que tivo esta actividade. Na seguinte ocasión terase en conta ás persoas maiores, pero abordarase a parte de seguridade viaria como condutor en vez de como peón, que foi a perspectiva da charla elixida para este ano.

MARCHA CICLISTA NOCTURNA. O venres, 18 de setembro, celebrouse a marcha ciclista nocturna. Neste actividade de 8 quilómetros de percorrido participaron 69 persoas, deixando libres tan só 6 prazas das 75 ofertadas. A ruta contou con boa iluminación e fácil percorrido, pensada para que nela puidera participar toda a familia.

As actividades continuaron o sábado, 19 de setembro, con xogos populares en bicicleta, que estiveron dirixidos aos nenos e nenas de 4 aos 12 anos. Tras meses de confinamento, os máis pequenos estaban desexando relacionarse con outros nenos e nenas. Os rapaces e rapazas estiveron gozando das actividades propostas ata última hora do día. Durante esta xornada de xogos, como nas outras actividades programadas, aplicáronse as medidas hixiénico-sanitarias pertinentes. En todo momento mantívose a distancia de seguridade, aplicouse xel hidroalcólico nas mans, e tomouse a temperatura aos participantes.

ANDAINA POLA SENDA O MILLADOIRO-BERTAMIRÁNS. A II Semana de Mobilidade en Ames pechou a súa programación o domingo, 20 de setembro, coa andaina pola senda O Milladoiro - Bertamiráns. Esta actividade, na que colaboraron as Concellería de Benestar Social e de Transición Ecolóxica, tivo un gran éxito de participación xa que se completaron as 50 prazas ofertadas. As persoas participantes percorreron 13,23 quilómetros de percorrido lineal, cunha dificultade media - alta pola súa lonxitude. A actividade levouse a cabo en dous grupos de 25 persoas para cumprir coas normas de seguridade establecidas por mor da Covid-19.

Os/as participantes tiveron a oportunidade de gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso. Contouse coa presenza do monitor de marcha nórdica, Ricardo Anguieira, que axudou a aquelas persoas que precisaron dos seus consellos para iniciarse ou afianzar a súa técnica.

22 sep 2020 / 17:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.