Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
O Tribunal Superior de Xustiza anula o pleno no que se decretou o encarecemento do recibo da contribución por non ter convocado para esa sesión ós concelleiros do PP // As arcas municipais verán reducidos os ingresos en 1,6 millóns de euros TEXTO A. Pérez

Golpe xudicial para Ames: hai que devolver a subida do IBI

O alcalde de Ames, José Miñones, non convocou aos concelleiros do Partido Popular á celebración do pleno extraordinario e urxente do 28 de decembro de 2019 e agora recolle as consecuencias xa que naquela sesión aprobouse a suba do Imposto de Ben Inmobles (IBI).

A sentenza do TSXG dictada polo tribunal presidido por María Dolores Rivera e do que forman parte Juan Selles, Fernando Fernández Leiceaga e María del Carmen Núñez Fiaño como ponente “desestima el recurso de apelación interpuesto por el Concello de Ames contra la sentencia de fecha 22 de septiembre de 2020, dictada en procedimiento para la protección de los derechos fundamentales 27/2020 por el Juzgado Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago de Compostela”.

Naquel fallo anterior, firmado por Don José Vicente Alvariño Alejandro, maxistrado-xuiz do Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago, dase conta da vulneración de dereitos fundamentais e declárase a nulidade do acordo adoptado na sesión plenaria que aprobara a suba do recibo do IBI (a contribución).

O propio fiscal manifestaba no seu escrito que “no se ha producido una notificación efectiva a los concejales de la citada convocatoria, ni por el conducto oficial de las comunicaciones ni por otras vías como alega el Concello demandado...”.

O Partido Popular recorda que “o alcalde socialista José Miñones, deliberadamente e nun xeito antidemocrático e autoritario sen precedentes, non convocou aos concelleiros do PP á celebración do pleno extraordinario e urxente do 28 de decembro de 2019. Esta vulneración de dereitos fundamentais establecida no artigo 23 da Constitución Española, foi acompañada de todo tipo de insultos e falsidades contra os concelleiros populares que foron acusados polo goberno socialista de “boicotear” e de “mala fe” entre outros cualificativos”.

Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia determina a confirmación da sentencia íntegramente o que ademáis de non ser nada positivo para un goberno que presume de transparencia e boas prácticas trae consigo un serio golpe ás arcas amienses.

A decisión de non convocar ós concelleiros do Partido Popular ó pleno obriga agora a devolver a cantidade do IBI cobrada á veciñanza de xeito ilegal, segundo a sentenza, e ademáis non se poderá cobrar esa suba no recibo de 2021, co perxuicio que supón nas contas presentadas aínda esta mesma semana polo goberno de Ames formado por PSOE, BNG e Contigo Podemos.

A suma da cantidade cobrada xa ós veciños de xeito ilegal, según reza a sentenza xudicial, e máis a que se deixará de cobrar este mesmo ano supón unha merma aproximada na tesourería municipal de 1,6 millóns de euros.

Haberá que esperar a ver cal é a reacción desde o Concello xa que os servizos xurídicos estudarán a posibilidade de presentar un recurso no Tribunal Supremo, e de decidir dar por bo o fallo do TSXG haberá que determinar de que xeito se devolven os cartos cobrados de máis polo IBI e como se reflicte no recibo deste ano o prezo sen contemplar o seu encarecemento aprobado naquel pleno ó que non se convocou ós concelleiros populares.

ENFADO NO PP. O malestar nas filas do PP ó ver que ten a razón é palpable. Onte mesmo fixo público un comunicado no que explicaba que “o alcalde xa non se pode esconder, como sempre fai, nin deixar de dar a cara botando por diante aos seus correlixionarios, xa non se pode agochar entre bambolinas porque el é o máximo responsable, é o que autoriza, o que toma as decisións e o que decide levar ao pleno os asuntos da orde do día, en definitiva, o que firma a convocatoria das sesións”.

No mesmo comunicado arremeten contra o rexedor decindo que “Ames non pode seguir tendo un alcalde que reiteradamente é condenado, de facto, polos tribunais como si nada pasara. Ao igual que hai cargos públicos que dimiten por saltarse certas normas sobre conduta cidadá, neste caso, a vulneración de dereitos fundamentais e a nulidade da Ordenanza do Imposto Sobre Bens Inmobles, probada e ratificada por ambas instancias (TSXG e Xulgado Contencioso Administrativo nº 2 de Santiago) deixa ao rexedor “inhabilitado” para seguir exercendo algún tipo de cargo público”.

Non é este o único pleito no que está inmerso o Concello de Ames, que xa ten algúns fallos en contra que foron recurridos e están a espera de sentenza, incluso no Tribunal Supremo. E algún destes xuizos, visto os resultados en primeira e segunda instancia, poderían ter consecuencias graves para o goberno do Concello.

Postura do Concello
Analiza un posible recurso ó supremo

Comunicado íntegro do goberno municipal de Ames: ”Tras ter coñecido a resolución da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na que se desestima o recurso de apelación interposto polo Concello de Ames contra sentenza de data 22 de setembro de 2020, ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, no procedemento de protección dos recursos fundamentais presentada polos concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ames ante a Convocatoria do Pleno Extraordinario e Urxente de data 28 de decembro de 2019, o Goberno amesá manifesta unha vez máis o seu respecto aos tribunais e as súas resolucións xudiciais, e así mesmo infórmase que durante os vindeiros días analizarse en profundidade dita sentenza cos servizos xurídicos municipais, de cara a ver as distintas repercusións que terá nos orzamentos municipais do ano 2021, así como a viabilidade dun posible recurso de casación ante o Tribunal Supremo”.

Dende a oposición
O PP esixe a dimisión do alcalde

··· Reacción do PP. ”Ante esta segunda sentenza, ao alcalde, José Miñones, non lle queda outra alternativa que presentar a súa dimisión de forma inmediata ao quedar deslexitimado para gobernar por dúas instancias xudiciais no que a súa credibilidade e actitude antidemocrática demostrada é incompatible co exercicio da representación política do Concello. O alcalde non só vulnerou os dereitos fundamentais dos seis edís do PP, tamén perdeu a credibilidade ante a veciñanza aprobando unha ordenanza fiscal cunha subida do IBI impropia dos tempos que corren e ilegal.”

06 mar 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.