Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Incerteza de cara a apertura do novo centro de saúde de Milladoiro

Os traballos de saneamento e abastecemento de auga, así como de rede eléctrica e de telecomunicacións, están rematados dende o pasado 8 de xullo // O concello de Ames terá unha xuntanza co representante territorial de Fenosa co obxectivo de arranxar os problemas que dende a Xunta indican que non dan resolto

Ames. Dende o Concello de Ames indícase que os traballos realizados para dotar ao centro de saúde de saneamento e abastecemento de auga, así como de rede eléctrica e de telecomunicacións, están rematados dende o pasado 8 de xullo. Tras a execución de ditos traballos tan só quedaban pendentes as obras da acometida da rede de gas, que foron finalizadas o pasado 10 de agosto. O Concello vai a levar a cabo unha xuntanza urxente co representante territorial de Unión Fenosa co obxectivo de arranxar os problemas que dende a Xunta indican que non dan resolto.

O Concello de Ames asistiu á xuntanza convocada pola Consellería de Sanidade a semana pasada coa mellor dispoñibilidade posible para tratar de solucionar os problemas existentes de cara a apertura o antes posible do novo centro de saúde do Milladoiro. Dende o Goberno municipal de Ames lamentan que “a actitude e o bo ambiente mostrado en dita xuntanza non sexa o mesmo que o que se mostra de cara a fóra nos medios de comunicación”.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, incide en que “dende a Consellería de Infraestruturas aproveitouse, unha vez máis, para atacar ao Concello de Ames, e continúan botando balóns fóra. O Goberno municipal actuou sempre con lealdade institucional e non entende nin comparte os ataques que se están a levar a cabo nun momento no que o único que interesa é a apertura do novo centro de saúde do Milladoiro, que leva un atraso considerable na propia obra”.

O investimento de fondos propios que o Concello de Ames leva realizado para a posta en marcha do centro de saúde supera os 120.000 euros despois de executar os traballos para dotar das redes de abastecemento de auga, saneamento, electricidade, gas, telecomunicacións, rede de pluviais, apertura de rúas e traballos de pintado e mobilidade.

Ademais, incídese en que dende o Concello non se ten comunicación oficial algunha da empresa Unión Fenosa ao respecto do servizo de subministración eléctrica. Na xuntanza mantida coa Consellería de Sanidade solicitouse unha comunicación directa de Unión Fenosa co Concello, xa que ata o de agora a empresa de subministración eléctrica está a tratar directamente coa Axencia de Infraestruturas da Xunta sen darlle traslado ao Concello de Ames do tratado.

XUNTANZA DE URXENCIA COA EMPRESA UNIÓN FENOSA. O Goberno municipal de Ames volve a reiterar o seu apoio incondicional de cara a solucionar os problemas que poidan existir xa que para o Concello de Ames a apertura do centro de saúde sempre foi unha prioridade. Por elo, e trala xuntanza do pasado venres, o Concello vai a levar a cabo unha xuntanza urxente co representante territorial da empresa Unión Fenosa co obxectivo de arranxar os problemas que dende a Xunta indican que non dan resolto.

O rexedor municipal explica que “para este Goberno municipal o centro de saúde do Milladoiro é e foi sempre unha prioridade. Por iso no mandato anterior deuse resolto a problemática que existía coa parcela que se tiña que ceder a Xunta e que durante anos bloqueou dito proxecto. A sinatura dun convenio cos propietarios da parcela solucionou dito atranco”.

Miñones engade “eu mesmo e mailo exconselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, hai xa catro anos, asinamos o convenio para a construción do novo centro de saúde. As obras, que comezaron hai dous anos estaba previsto que rematasen a finais de 2019, pero múltiples atrasos provocaron que estas se demorase ata xullo de 2020. O Concello de Ames, unha vez tivo os permisos das empresas distribuidoras, realizou as obras das acometidas correspondentes, rematando a rede de gas no pasado mes de agosto”.

Para o Goberno amesán a prioridade é “a posta en funcionamento do centro de saúde e non andar a buscar culpables dos atrasos na súa apertura. Por iso non acaban de entender a postura de confrontación que reiteradamente está a buscar a Consellería de Infraestruturas, á que lle piden a mesma lealdade que está a mostrar a de Sanidade”.

21 sep 2020 / 15:47
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.