Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Segue en marcha o Inventario Forestal Continuo grazas á colaboración entre
a Xunta e as universidades de Vigo e A Coruña // A idea é crear unha folla de ruta que guíe as decisións neste sector, clave no rural galego TEXTO Claudina Estévez

Innovador e sustentable: así será o futuro monte de Galicia

O pasado ano arrancaban os labores de creación do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG), un proxecto no que a día de hoxe se segue a traballar e que onte o conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor no Pazo de Quián, en Boqueixón. Hai que lembrar que o Inventario púxose en marcha grazas a colaboración entre o Goberno galego e as universidades de Vigo e A Coruña. O obxectivo non é outro que establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, e por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado.

No acto de onte o conselleiro fixo fincapé no “consenso e na colaboración como catalizadores do Inventario Forestal Continuo”. Lembrou que “un 69% da superficie do territorio galego é forestal, polo que estamos ante un sector clave para o noso rural”. Deste xeito, segundo apuntou, coñecer a realidade desa superficie “permitirá avanzar nunha mellora da súa xestión, facendo as diagnoses adecuadas para a toma de decisións tanto públicas como empresariais”.

José González foi o encargado de inaugurar a xornada, acompañado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e do da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Unha xornada na que os representantes das universidades explicaron as súas liñas de actuación no marco do Inventario, mentres o subdirector xeral de Recursos Forestais da Consellería, Jacobo Aboal, debullou as medidas do Goberno galego en materia de montes. Pola súa banda, Manuel Barcón, xerente de proxectos de Medio Rural e Mar da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia, referiuse ao papel da Amtega no desenvolvemento dun sistema de apoio ás decisións en materia forestal con referencia catastral a partir da información de clasificación e delimitación das distintas especies. A clausura do acto correu a cargo do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

O Inventario Forestal Continuo implica todo un avance cara a un monte innovador, sustentable, ordenado e xestionado activamente ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Este documento dará cumprimento a unha das recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais, que sinalaba que era necesario crear un sistema de información e estatística forestal da nosa comunidade, como mecanismo que permitise facer diagnoses axeitadas e ser unha ferramenta fundamental para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais que están relacionadas co sector forestal.

Deste xeito, a posta en marcha do Inventario aportará información continua e precisa sobre os recursos dos montes “para valorar todos os aspectos de cada medida coa finalidade de mellorar a planificación e a xestión estratéxica, ambiental e económica. O conselleiro quixo recalcar asemade que se trata dun proceso participativo no que están presentes todos os estamentos interesados da sociedade galega.

O PROTAGONISTA
“É un ámbito importante para a nosa comunidade”
José González
Conselleiro do Medio Rural

O conselleiro quixo facer especial fincapé na importancia que brinda a “posibilidade” de facer un Inventario Forestal nun ámbito tan importante para Galicia como é este sector. É ademais “dinámico, con tecnoloxía e con coñecemento galego e cunha filosofía sen parangón nos sectores forestais de Galicia e do mundo”, sinalou José González. Destacou asemade que “temos que pór en valor a importancia do traballo que se está facendo dende o punto de vista do coñecemento”.

Recordou que o Inventario “cumpre coa necesidade dunha actualización progresiva das medicións establecidas polo Consello Forestal, así como coas recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais”.

{ A OLLADA }
É vital a prevención
Claudina Estévez

TAL E COMO SINALABA onte o conselleiro do Medio Rural, o 69 % da superficie do territorio galego é forestal. É por iso que resulta vital elaborar un Inventario que permita ter unha información máis actualizada e detallada dos nosos montes. Análises que serán fundamentais á hora de tomar decisións e manter un monitoreo continuado. Hai que ter en conta que este proxecto é fundamental na nosa comunidade, xa que o sector alimenta a gran cantidade de familias. É por iso que toda axuda é pouca á hora de avanzar nunha mellor xestión. Evitar os incendios, que especialmente nos meses de verán sorprenden aos nosos montes, serán un dos puntos que atenderá este Inventario, no que a comunidade científica está implicada.

26 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.