Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Feiraco pon en marcha o seu certame de microrrelatos, que vai xa pola décima edición // Lanza asemade o concurso artístico para a cativada // Os consumidores poden entrar no sorteo de produtos elaborados por artesáns galegos TEXTO C. Estévez

Leite con letras: literatura e gandería unidos pola lingua

Neste 2021 a marca Feiraco celebra “10 anos de leite con letras”, escolléndoo como lema para festexar a festividade das Letras Galegas, á que se suma un ano máis pondo en marcha o seu certame de microrrelatos, que vai xa polo seu décimo aniversario, e por segundo ano consecutivo, o concurso artístico para os máis pequenos e pequenas.

Ademais como novidade este ano lanzará tamén unha promoción no punto de venda para conmemorar o Día das Letras Galegas, na que pola compra dunha caixa de calquera das variedades de 6x1 litro de leite Feiraco os consumidores poderán participar no sorteo de agasallos elaborados por artesáns galegos subindo o seu tíquet de compra á aplicación do sorteo da marca. “Un compromiso con Galicia e coa súa artesanía que Feiraco leva pondo en valor nas súas últimas campañas como a levada a cabo no Entroido, contribuíndo así a volver a inverter en Galicia”, sinalan fontes da empresa láctea. Todas estas iniciativas estarán vixentes ao longo de maio como mes das Letras Galegas.

ARTE Para seguir incentivando a creación literaria, dende a compañía animan a todos os galegos e galegas que teñan máis de 13 anos a participar no seu Certame de Microrrelatos. A maneira de fomar parte é compartir as creacións a través dunha aplicación que está dispoñible na páxina oficial de Facebook/Feiracolacteos.

Para participar será necesario mostrar na aplicación do concurso que está subida á web un relato orixinal, que non debe superar os 500 caracteres incluídos espazos, escrito en galego. Haberá tres gañadores. O primeiro será galardoado cunha funda block elaborada pola artesá Cristina Valverde, dona da empresa Coiro Enxebre, cun lote de produtos de Feiraco e cun lote de libros cedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xa o segundo e o terceiro obterán como premio moedeiros de coiro fabricados pola mesma artesá e ao igual que o primeiro, un lote de produtos da marca e outro de libros tamén cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Pola súa banda, os máis pequenos e pequenas da casa poderán dar renda solta á súa creatividade participando no certame artístico que estreou o pasado ano. Para iso, os nenos e nenas menores de 13 anos deberán enviar as súas creacións relacionadas coa festividade das Letras Galegas. Haberá dúas categorías; infantil e primaria, cun único gañador en cada unha delas. Para participar tan só será necesario subir unha foto das creatividades que queiran presentarse (artes plásticas, debuxos...) á páxina oficial do concurso en Facebook para que poidan ser valoradas. O gañador ou gañadora da categoría primaria recibirá un pack de tres xogos fabricados polos artesáns galegos de produtos en madeira propietarios da empresa WOOW Juguetes y Deco, un lote de produtos de Feiraco e un lote de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. O vencedor da categoría infantil farase cun carricoche de vaquiña fabricado polos mesmos artesáns, e de novo, un lote de produtos da firma e de libros cedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

“Desde Feiraco queremos contribuír así a pór en valor non só o idioma galego senón tamén a artesanía de Galicia, un bo exemplo de que as diferentes accións conmemorativas que leva a cabo reflicten o compromiso de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) con Galicia, coa súa lingua e coa súa xente”, explican dende a compañía. A cooperativa comercializa lácteos baixo as marcas Feiraco, Únicla, Clesa e os queixos Arquega.

HISTORIA Dende fai máis de 50 anos Feiraco é todo un referente no sector lácteo galego, e trata de demostrar “que se pode apostar por un modelo sostible no sector do gando, xerando emprego e riqueza no rural”. Foi no 2017 cando, xunto ás cooperativas Os Irmandiños e Melisanto, emprenderon o proxecto líder no cooperativismo galego, uníndose nunha soa cooperativa: CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas). A súa sede reside en Ponte Maceira, Ames.

A marca defende que só a súa cooperativa pode elaborar trazabilidade 100% dos produtos lácteos que chegan á mesa do consumidor “porque temos o control de principio a fin, traballando día a día cos noso socios e socias, aos que apoiamos e ofrecemos servizos para que as súas granxas den o mellor de si”. Dende a empresa sinalan que “os cooperativistas reciben asesoramento técnico permanente para o coidado da saúde das nosas vacas, elaboramos o noso penso e isto engadido aos mellores pastos galegos garante a produción dun leite de gran calidade”, aseguran. “Non hai un leite como o da casa, por iso só recollemos leite 100% galego das ganderías dos nosos cooperativistas. Controlamos e optimizamos todo o proceso, incluíndo o envasado, almacenamento e distribución. É así como os nosos cooperativistas conseguen manter a calidade de principio a fin”, sinalan fontes de Feiraco.

SELOS Feiraco conta con varios selos que recoñecen o seu labor. Un deles é Galega 100%, que foi concedido pola Asociación Laboratorio Interprofesional Gallego y Análisis de la Leche (LIGAL). Isto implica que a materia prima utilizada procede exclusivamente das granxas inscritas no Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenzada. Tamén alberga o selo Galicia Calidade; que non só garante a orixe galega do produto, senón que é un aval de confianza e prestixio. E por último, presume do selo SAE. Un distintivo que asegura todas as garantías de seguridade alimentaria e trazabilidade. “En Feiraco contamos con este selo clave para as nosas exportacións e que garante que o envío de alimentos fóra da UE conta cos máximos requirimentos exixidos de seguridade, calidade e control”.

04 may 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.