Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Máis de 300 vídeos xa para o certame da lingua Youtubeir@s

Pódense presentar videocreacións ate o 23 de outubro // Medran os premios ata os 7.500 €

O Concello de Teo, un dos impulsores do certame Youtubeir@as para o fomento da lingua galega, destaca que a participación rexistrada este ano vai superar a de 2019, xa que hai apenas uns días eran xa trescentas as videocreacións presentadas fronte ás 240 do ano pasado. E segundo din na organización, aínda se agarda un incremento de traballos nas últimas semanas, tal e como vén sucedendo dende que se puxo en marcha este concurso. O prazo rematará xusto antes da medianoite do vindeiro día 23 na páxina web youtubeiras.gal.

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. E nesta cuarta edición xa contan cos mencionados centos de aportacións a través de medio cento de canles que competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns.

As bases da presente edición incrementan, ademais, a súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data.

Deste xeito, os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende deportes, viaxes ou videoxogos ata videoblogs políticos ou de moda. E, ao tempo, buscan darlles visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e expandir a Rede.

Outra das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a ampliación de 8 a 12 galardóns.

14 oct 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Teo
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.