Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A Xunta reforza especialmente a cobertura territorial en varios concellos coa integración de liñas escolares // O polígono do Milladoiro sae moi beneficiado ao incrementarse a conexión con Santiago e Bertamiráns TEXTO Claudina Estévez

Máis horarios e frecuencias no transporte público da comarca

Dende o pasado mércores 23 a área de Santiago viu reforzada a súa cobertura territorial e a capacidade de conexión entre liñas, grazas á entrada en vigor dos dous últimos contratos do transporte público interurbano nas zonas oeste e sur da comarca, a excepción de varias aldeas de Ames que deixan a 1.650 veciños sen conexión directa con Santiago.

A implantación dos últimos contratos reforza especialmente a cobertura territorial en distintos concellos coa integración de liñas escolares. Entre as distintas melloras vinculadas á aparición dos dous novos contratos, destacan o incremento da coordinación de servizos e a conectividade entre liñas, para minimizar tempos de espera e facilitar os transbordos. Tamén inciden nos horarios e frecuencias que enlazan cos polígonos de Santiago e Milladoiro, así como naqueles servizos con maior demanda por parte dos estudantes. En total, a nova oferta de transporte público nas áreas que comprenden estes dous contratos supón un investimento da Xunta de máis de 1,6 millóns de euros anuais. A prestación destas expedicións superará os 154.000 servizos anuais, sumando máis de 2,8 millóns de quilómetros percorridos por 71 autobuses, garantindo o emprego de 72 condutores e 36 acompañantes.

A posta en funcionamento da nova oferta de liñas e servizos do contrato da zona oeste da comarca de Santiago, inclúe os municipios de Ames, Brión, Negreira, A Baña, Val Do Dubra, Trazo, Teo, Padrón, Rois, Santa Comba, Outes, Zas, Mazaricos, Vimianzo, Tordoia, Muxía, Cee, Corcubión, Dumbría e Fisterra (ademais de Santiago). Entre as novidades da súa implantación, contempla estender a dous servizos diarios durante todo o ano a liña Cuca-Santiago, que une Trazo coa cidade, e que actualmente só opera os xoves laborables en período lectivo. Tamén se incorporan novos servizos ao mediodía entre Negreira e Santiago para facilitar a mobilidade de colectivos como o dos estudantes, acadando unha frecuencia de un servizo á hora por sentido. Ademais, a integración de liñas escolares estende a cobertura territorial polos núcleos de poboación de Teo e Val do Dubra a través de 36 novas liñas e un total de 98 servizos de luns a venres en época escolar.

A entrada en vigor do novo contrato na zona sur da comarca de Santiago abrangue os concellos de Rois, Teo, Padrón, Vedra, Ames, Boqueixón, Brión (e Santiago). Entre as súas novidades, ofrece incrementos de horarios e conexións. Con esta finalidade, adiántanse frecuencias da primeira hora da mañá e atrásanse á última hora do día.

É o caso das liñas rúa da Rosa- Bertamiráns- Gándara e rúa da Rosa-Milladoiro, que incorporan un servizo que chega a Santiago antes das 7.00 horas e amplían o último que sae ás 23.30h. Tamén no sentido oposto, na liña Rotonda as Viñas-rúa da Rosa mellórase a conexión de Santiago co polígono de Milladoiro a primeira e última hora do día.

O polígono Novo Milladoiro é un dos puntos máis beneficiados con este novo contrato, ao verse mellorada a súa conexión, tanto con Santiago como con Bertamiráns. A liña Polígono Novo Milladoiro–Bertamiráns, que une estes dous núcleos de Ames, incrementa tanto as frecuencias de primeira e última hora, como os servizos de ida e volta que usan os traballadores a mediodía.

O PROTAGONISTA
“unha mellora clave”
Carlos Martínez
Alcalde de Vedra

“Un logro histórico” esas son as verbas coas que o alcalde vedrés describe o novo mapa de transporte metropolitano que se vén de implantar no municipio. Con isto, sinala o rexedor, “resólvese un dos grandes problemas e déficits que tiña Vedra e a súa poboación dende fai moitísimos anos e que supoñía un lastre á hora de fixar poboación no territorio”, recalca. “Producirase unha mellora clave, fundamental e importantísima na prestación deste servizo en Vedra para a súa veciñanza, aumentando ostensiblemente as rutas e expedicións ao longo de todo o día, diminuíndo os tempos de percorrido en moitas delas, e interrelacionando todas as liñas”, explica.

Así, as expedicións das distintas rutas (incluídas idas e voltas) no interior de Vedra, é dicir, aquelo non servido polo corredor da N-525 (San Xián, Vedra, Trobe, Sarandón, etc,), en números globais pasan nos servizos de luns a venres de 14 expedicións diarias a 42 (triplicando as mesmas); e na fin de semana de 4 a 18 (practicamente quintuplicando as mesmas). Respecto ao corredor da N-525 (Ponte Ulla, Santa Cruz, Vilanova e San Fins), as frecuencias actualmente existentes, auméntanse diariamente a dúas máis de subida a Santiago e dúas máis de baixada (incluíndo unha ás 21.30 de luns a sábado), e cubrindo todas as franxas.Tamén se implementa unha nova lanzadoira Sarandón-Pontevea, que mellora as conexións con Teo e A Estrada.

{ A OLLADA }
Calidade de vida
C. Estévez

unha gran noticia especialmente para os municipios máis rurais, que ven incrementadas as conexións e os horarios do transporte público. Algo que dende logo solventa un problema que moitas vilas arrastran dende hai anos, e que redundará nunha maior calidade de vida da veciñanza. Estudantes e traballadores desfrutarán grazas a estos contratos do transporte interurbano da Xunta dun servizo moi mellorado. Ademais hai que pensar que boa parte da poboación do rural é maior, polo que dependen totalmente del. Co incremento de rutas e frecuencias estase facendo a vida máis cómoda a este sector poboacional. Dende logo, unha gran noticia que dende os concellos afectados recibiron con moito alivio.

28 dic 2020 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.