Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Melloras nos accesos e viais interiores de Ventín

AMES. Os accesos e os camiños interiores do lugar de Ventín gozarán dunha importante mellora nos próximos meses, despois de que a Xunta de Goberno Local celebrada o pasado 27 de maio aprobase a adxudicación das obras de pavimentación de interiores e accesos deste núcleo. O proxecto, que está sufragado con cargo ao POS+Adicional 2/2021 da Deputación da Coruña, foi adxudicado á empresa Excavaciones Agra Castro por un importe de 230.000 euros, IVE incluído. A través deste proxecto, actuarase nas principais vías de acceso a Ventín, situadas nas zonas leste e sur do lugar, e formadas por treitos de 55, 80 e 100 metros. No caso dos viarios do leste, mellorarase a capa de rodaxe, reparando as fochancas con grava e tratamento asfáltico, e aplicando 5 centímetros de mestura bituminosa en quente. No caso do acceso dende o sur, de 100 metros de lonxitude, empregarase a mesma solución para o arranxo das fochancas, e aplicarase un tratamento asfáltico superficial e unha rega de selado para a mellora da capa de rodaxe deste treito. Ademais, nas dúas vías do leste, de 55 e 80 metros de lonxitude, construirase unha gabia de seguridade de 135 metros e unha berma formigonada de 55 metros. A drenaxe superficial realizarase neste caso con canalización de PVC de 400 mm de diámetro, con arquetas con sumidoiros. No que respecta aos interiores, demolerase o firme existente na actualidade e empregarase un pavimento composto por 10 centímetros de saburra e unha capa superficial de 15 centímetros de formigón con mallazo. Nas marxes da nova pavimentación disporanse franxas lonxitudinais de granito de 30 centímetros de ancho, que irán facendo cortes transversais ao longo de todas as pistas interiores. Ademais, na vía do núcleo situada ao norte, será preciso levantar un muro de contención de terras con bloques de granito, sobre o cal se colocará tamén unha varanda metálica para a contención dos peóns. O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “estes traballos están incluídos no plan de mellora e mantemento dos accesos e camiños interiores das aldeas do rural”. C.A.

12 jun 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.