Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
ENTREVISTA
Alberto Súarez Pose / Cantante do Trío Alborada

“No confinamento preparamos unhas cancións que gustaron tanto que estamos pensando en incluílas no noso repertorio”

O Dúo Alborada formouse no 2001. A idea foi do dubrés José Manuel Suárez que quixo xuntarse con Enrique Miramontes, natural da Ameixenda, parroquia de Ames. Ambos xa viviran a experiencia de estar nunha orquestra: José Manuel como batería e representante e Enrique como cantante. A idea era facer unhas cantas festas pequenas pero a día de hoxe as súas actuacións chegan a case toda Galicia. No 2007 uniuse a eles Alberto, o fillo maior de José Manuel, pasando a ser Trío Alborada. Con tan só once anos e cun traxe de mexicano e un sombreiro, Alberto cantou e tocou o acordeón durante vinte minutos na súa primeira actuación.

Dende sempre che gustou a música?

Con cinco anos empecei a ir con meu pai ás festas. Cando non tocaba a pandeireta tocaba o güiro ou as maracas. Eu sempre que había algunha romaría estaba por alí no medio.

Compaxinas o do trío Alborada con algún estudo ou traballo?

Estou sacando a carreira de música. Coas actuacións fun pospoñéndoa pero agora quero xa centrarme nela e acabala. En concreto estudo a carreira de Acordeón no Conservatorio de Carballo. Quédame un par de anos para acabar e despois xa podo exercer profesionalmente.

Que tipo de cancións ofrecedes no voso espectáculo?

Facemos algo de todo. A esencia do trío é clásica. Música de vals, cumbia, merengues e pasodobles. Intentamos escoller un tipo de música que sexa divertida, que faga vibrar ao público para que se poña a bailar.

Saístes fóra de Galicia?

Actuamos varias veces en Suiza, en cidades como Délemont e Ginebra. Nesta última aínda estivemos a finais do ano pasado. Teño que dicir que notamos que á xente de alí lle chama moito máis a atención o acordeón. En parte penso que é porque botan de menos as verbenas galegas. Ademais, o trato foi realmente formidable.

Recordas a túa primeira actuación con público presente?

Recórdoo como se fora hoxe. Foi no restaurante Os Arcos en Val do Dubra e vivín unha situación bastante tensa. Eu quería cantar pero chegado o momento costoume moitísimo dar o paso. Se non tivera a responsabilidade de facelo xa que Enrique xa me tiña presentado, posiblemente me botara atrás. Naquel momento tiña 11 anos e un ano máis tarde xa fixen a primeira actuación eu só. Volvéronme a temblar as pernas.

Ademais de formar parte do Trío, fas actuacións individuais?

Nos meses de inverno adícome a facer todo tipo de eventos en interiores. Cumpleanos, vodas, bautizos, e especialmente, cenas-bailes en restaurantes.

Que significa para ti formar parte do mundo da verbena galega?

Os que estamos neste mundo vivímolo doutra maneira. É algo moi especial e síntome realmente orgulloso de formar parte dunha tradición que é nosa.

Coñeces a moita xente do mundo da verbena?

Coñecémonos dentro de cada sector . No noso caso coñecemos moita xente de dúos e tríos, de orquestras menos. Encántanos poder chegar a unha festa e poder saludar aos compañeiros. Incluso nos pasamos traballos uns a outros, polo que se establece moita relación.

Algunha anécdota que recordes dalgunha actuación.

Teño miles. Por contar algunha, recordo que nunha festa no concello de Trazo había un quad e a min ocurríuseme subir enriba del mentras cantaba. Veu o dono, acendeuno e eu arranquei polo campo da festa con Enrique detrás. A xente riuse moitísimo. Doutra vez que estabamos cantando ao lado dunha carretera parei un coche, montei e fun cantando vinte metros nel. Outra anécdota, non moi simpática, foi o día que nos saltaron dúas rodas do camión. Por sorte non pasou nada e realizouse a actuación tal e como estaba prevista.

Como viviches este verán sin festas?

Sen dúbida fomos un dos sectores que máis lle afectou a pandemia. En todo o verán non fixemos ningunha actuación en escenario. Vivímolo con desesperación pero hai que ser positivos e pensar que imos saír adiante. De todas formas, o peor creo que recae nas orquestras porque nós ao ser máis pequenos non temos grandes inversións feitas.

Fixeches algo durante o confinamento?

Tivemos moita demanda de xente que nos pedía que fixeramos algún directo para comunicarnos co público. Fixemos uns cantos directos en Instagram que tiveron moito éxito, chegando case ás 1.000 persoas. Preparamos unhas cancións que gustaron tanto que estamos pensando en incluílas no noso repertorio.

Confías en que para o ano 2021 se poidan celebrar actuacións?

Gustaríame pensar que ti. Decir algo é un tanto arriscado porque as cousas cambian continuamente. Teño a esperanza de que polo menos se poida celebrar algunha sesión vermú.

Tes algún proxecto en mente?

Alborada vai seguir adiante para moito tempo. Agora, estamos impulsando moito as clases de acordeón e a venta e reparación do instrumento. Xa temos unha marca propia.

“No confinamento preparamos unhas cancións que gustaron tanto que estamos pensando en incluílas no noso repertorio”

Os tres membros de Alborada: Alberto (esquerda), José Manuel (centro) e Enrique (dereita) durante unha actuación. Foto: cedida

24 sep 2020 / 00:15
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.