Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova edición do curso de primeiros auxilios en Ames

Impartirase os martes, mércores e xoves, do 15 de outubro ao 3 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 19.00 a 22.00 horas // O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá, 1 de outubro e estará aberto ata o xoves día 8

Ames. A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta a cuarta edición do curso gratuíto de primeiros auxilios, que se impartirá os martes, mércores e xoves, dende o 15 de outubro ata o 3 de novembro. A actividade, que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 19.00 a 22.00 horas, está dirixida preferentemente a persoas empadroadas entre os 16 e 30 anos. Para esta actividade ofértanse 12 prazas, que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. Para esta edición redúcese o número de prazas pola Covid-19. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición comeza o xoves 1 de outubro e estará aberto ata o xoves día 8.

O curso será de balde para o alumnado admitido, que ao rematar a formación recibirá un diploma acreditativo de ter superado con éxito o curso. Ademais, esta formación é imprescindible para perfís profesionais que desenvolven a súa actividade con todo tipo de colectivos, estendéndose a súa aplicabilidade a diferentes contextos como o lecer e o tempo libre, o sanitario ou o deportivo.

CONTIDOS DO CURSO. Durante 20 horas, ensinaránselle aos participantes contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos. Desta maneira, búscase que os alumnos e alumnas saían desta formación coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante persoas con hemorraxias, feridas, queimaduras ou con traumatismos.

Para acadar estes obxectivos, seguirase unha metodoloxía baseada na adquisición de habilidades mediante o coñecemento de aspectos teóricos e a súa posta en práctica. Desta maneira, preténdese ofrecerlle aos alumnos unha acción formativa encamiñada a proporcionar os coñecementos, habilidades e actitudes que conforman as competencias básicas necesarias para realizar intervencións en primeiros auxilios en caso de accidente ou enfermidade.

30 sep 2020 / 15:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.