Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Nova web para festexar online o Entroido da Ulla este ano

As coplas e os atranques dos Xenerais poderán verse de forma dixital a través das redes

Este 2021 o tradicional Entroido da Ulla non pode celebrarse con normalidade dada a gravidade da situación sanitaria. Non obstante, non faltan as iniciativas para que os máis entroideiros poidan saborear un pouco o espírito da festa, aínda que sexa dende as súas casas. Con este obxectivo os oito concellos que forman parte deste famoso Carnaval, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia no 2013 (A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces) decidiron centrar os esforzos na mellora da visibilidade online, maximizando a publicación en redes sociais e, sobre todo, coa creación dun novo site, dispoñible no enderezo electrónico www.xeneraisdaulla.gal.

A nova web, sinalan dende a organización do Entroido, “destaca pola súa calidade visual, cun deseño adaptado ás novas tendencias que mellora notablemente a experiencia de usuario”, explican. “Inclúe ademais actualizacións e melloras substanciais na súa programación, seguridade online, optimización para buscadores e adaptación a distintos soportes”, engaden.

Durante estas datas os xenrais tamén acompañarán coas súas coplas e atranques a través das redes sociais, “adaptándose ás circunstancias actuais” e permitindo que o festexo poida celebrarse de xeito virtual, apuntan os organizadores.

Cos avances na difusión en liña do Entroido dos Xenerais da Ulla os oito Concellos implicados na promoción desta celebración veciñal tratan de seguir garantindo a supervivencia desta singular tradición, que remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e se basea nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas.

Hai que lembrar, para todo aquel que nunca asistise a este tradicional Entroido que as personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, no que aproveitan para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón de plena actualidade. Para esta edición 2021, e en concreto para o lanzamento do novo sitio web, contan coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística.

13 feb 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.