Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O BNG reclama as liñas do bus de Santiago a Negreira e a Xunta gaba os 40 servizos diarios

No IES local Xulián Magariños divulgan un formulario para denunciar as deficiencias que tamén sofren no transporte

Iría Carreira, deputada do BNG, preguntou este mércores ao goberno galego polas medidas para recuperar as liñas e horarios do servizo de transporte público entre Santiago e Negreira. Lembrou que o luns 24 de xaneiro, una nova empresa se fixo cargo do servizo de transporte, cuns horarios que se foron modificando sen previo aviso, obrigando a moitos usuarios a quedar en terra ou buscar outras alternativas sobre a marcha para podérense desprazar. Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, retrucaba ca “mellora continua do transporte público da Xunta, que actualmente ofrece 40 servizos ao día entre Negreira e Santiago e 24 durante a fin de semana”.

Os nacionalistas suliñaron que “durante uns cantos días, a información foi moi escasa, sen lugares onde consultala de xeito veraz e accesible e con atrancos para poderen canalizar as súas queixas e reclamacións”. A deputada do Bloque tamén afirmou que existen “queixas e reclamacións” sobre unha liña de transporte utilizada por viaxeiros ocasionais, pero sobre todo por traballadores e estudantes do IES Xulián Magariños en Negreira, sen adaptación como o IES de Brión e que continúa tendo problemas co transporte escolar por “constantes deficiencias” e porque a empresa quere reducir as liñas.

E, precisamente, dende o centro de Secundaria da capital barcaleseira tamén puxeron a disposición da súa comunidade educativa un formulario para trasladar queixas “dadas as constantes deficiencias detectadas no servizo de transporte escolar poñemos á vosa disposición un documento para que comuniquedes as incidencias e poder facer a denuncia e seguimento das mesmas”, apuntaban, neste caso dende o citado IES.

Continuando coa exposición no Parlamento galego, a nacionalista Carreira lembrou que foron rexistradas máis de 1.200 sinaturas de persoas que manifestaban este malestar e que solicitaban un cambio nos horarios para que ese transporte público poida ser verdadeiramente aproveitado. “Hoxe referímonos á comarca da Barcala, pero o certo é que poderiamos aludir á de Barbanza, Ferrolterra, Arzúa ou case de calquera comarca ou localidade galega”, aportaba.

O plan de transporte público de Galicia ten, ao seu xuízo, uns principios básicos “que non se están a cumprir”. O transporte público, dixo, debe facilitar “a mobilidade das persoas, fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público e facilitar a intermodalidade e a accesibilidade de xeito que se potencie como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á verdadeira vertebración territorial”.

Vázquez Mourelle, na súa intervención, incidiu no traballo do Goberno galego para acadar unha mellor adecuación dos servizos de autobús ás necesidades cambiantes dos cidadáns. Nesta liña, referiuse aos axustes realizados no pasado mes de xaneiro para axeitar os horarios na hora de saída de 5 das 26 expedicións coas que conta a liña entre Negreira e Santiago de luns a venres, co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos no percorrido do autobús e favorecer a mobilidade dos cidadáns.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou que estas modificacións permiten ofrecer unha oferta combinada con frecuencias de paso de menos de media hora nos momentos de maior demanda. O axuste, de entre 15 e 30 minutos, realizouse en 4 autobuses en sentido Santiago-Negreira e nunha expedición en sentido Negreira-Santiago.

Deste xeito, tal e como explicou a conselleira, a liña entre Santiago e Negreira mantén 26 expedicións diarias de luns a venres e 18 durante a fin de semana, sen eliminar ningún servizo. A esa oferta súmase, ademais, a que ofrecen as liñas con cabeceira en Muxía, Santa Comba ou Outes. Tamén remarcou Vázquez que, para viaxar entre Negreira e Santiago os usuarios dispoñen de 40 servizos ao día de luns a venres, entre as 6.45 e as 22.10 horas e de 24 servizos durante a fin de semana. Rematou facendo fincapé “na liña continua de diálogo e na sensibilidade da Xunta ante as demandas trasladadas polos usuarios co obxectivo de ofrecerlles sempre a mellor solución”.

Tras a resposta da conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez, a deputada do BNG cualificou de “falta de respecto” ás persoas usuarias non seren informadas a tempo do cambio do servizo e dos horarios. Os servizos públicos, recalcou teñen que adaptarse ás necesidades da poboación, e tamén o transporte. Se de verdade se quere dar cumprimento aos principios que recolle o Plan de Transporte Público de Galiza, os horarios dos autobuses teñen que dar servizos ás necesidades que ten a poboación nesa área. Carreira concluíu a súa intervención criticando á consellería que debe velar polo funcionamento do transporte público de estar “máis preocupada polas notas de prensa” que por resolver a falta de informacións ás persoas afectadas polos cambios de servizo e horarios.

27 abr 2022 / 18:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.