Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 octubre 2020
13:29
h

O colectivo A Rula presenta hoxe no Pazo da Peregrina de Ames a obra Na espiral dos círculos concéntricos

A presentación terá lugar ás 20.30 horas // O libro ten o obxectivo de concienciar á poboación sobre o valor dos petróglifos galegos

Ames. Coa intención de concienciar á poboación sobre o valor dos petróglifos galegos, publícase Na Espiral dos Círculos Concéntricos. Este mércores 23 de setembro, no Pazo da Peregrina, ás 20.30 horas, os veciños e veciñas de Ames poderán achegarse a arte rupestre a través desta obra presentada polo colectivo A Rula. En dita presentación, por parte do Concello de Ames, participarán o concelleiro de Patrimonio Histórico, David Santomil, e maila concelleira de Cultura, Natividade González.

Na contorna do Castro do Monte Castelo e de Peneda Negra, os antigos deixaron a súa pegada en forma de petróglifo. Non obstante, a arte rupestre é algo usual nos montes galegos. De feito, é unha das riquezas históricas e naturais propias da nosa xeografía.

O Colectivo a Rula é unha asociación da comarca de Compostela que, unidos pola a súa paixón pola arte rupestre, pretende divulgar e protexer este patrimonio cultural. O Concello de Ames, que forma parte do Consello de Dirección do Parque Compostela Rupestre, xa colaborou en ocasión anteriores con este colectivo.

A obra publicada o pasado mes de xullo, Na Espiral dos Círculos Concéntricos, recopila a información obtida durante os 5 anos de traballo e investigación. Nas páxinas o lector encontrarase unha guía deste arte recorrendo o territorio galego dende Ames ata a Costa da Morte, pasando tamén por lugares como A Estrada ou Caldas de Reis.

Segundo o presidente desta asociación, Luís Leclere Rodríguez, co libro preténdese facer accesible a información e dar un paso máis na divulgación. A Rula traballa para concienciar á veciñanza do valor que teñen os petróglifos. Ademais, deste xeito, aprovéitase para facer unha chamada ás institucións autonómicas para que se comprometan co coidado.

Non obstante, a obra tamén adica espazos no que valora as boas acción dos Concellos da comarca de Santiago xa que, segundo Leclere Rodríguez, Ames colaborou na limpeza das zonas onde se encontran pezas de arte rupestre. O interese na sociedade por este patrimonio cultural está aumentando. De feito, debido ao alto número de participantes nas últimas visitas organizadas por A Rula en Ames, o pasado 4 de setembro, tívose que facer dous grupos para as rutas polo monte.

Na Espiral dos Círculos Concéntricos xa se pode comprar na Casa do Libro ou na Librería Nobel, así como noutras páxinas webs. Non obstante, Luís Leclere resalta que quere que esta obra forme parte das bibliotecas dos Concellos para facer accesible a información.

PARQUE COMPOSTELA RUPESTRE. Para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico de Ames e doutros municipios da comarca compostelá, os concellos de Ames, Santiago, Brión, Teo e Val do Dubra e a Deputación da Coruña asinaron un convenio de colaboración para crear o Parque Compostela Rupestre. Dito convenio ten unha vixencia de catro anos, prorrogables por outros catro. A Deputación da Coruña achegará 500.000 euros para desenvolver este proxecto

O convenio establece a cooperación para promover e xestionar de forma conxunta o proxecto de promoción e posta en valor da arte rupestre nas cinco localidades. A través do Comité de dirección do proxecto iranse asignando os fondos para diferentes cuestións como a mellora da contorna e o estado dos xacementos, un plan director ou un plan de comunicación. Dende o pasado mes de setembro de 2019 o Concello de Ames asumiu a presidencia do Parque Compostela Rupestre, que ten carácter rotatorio e anteriormente foi asumida polo Concello de Santiago de Compostela.

23 sep 2020 / 14:00
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.