Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O deporte inclusivo mailos Xogos Olímpicos chegan a Escola de Verán de Ames

Celébrase no CEP de Ventín, na EEI do Milladoiro e no CEIP da Maía// Conta con preto de 300 nenos e nenas

O xoves 1 de xullo comezou unha nova edición da Escola de Verán. Durante a primeira quincena deste mes de xullo, 279 alumnos e alumnas están participando nos Xogos Olímpicos Intergalácticos de Ames 2021, cos que aprenden sobre o deporte inclusivo.

A edición deste ano pretende transmitirlle aos nenos e nenas a importancia da integración no ámbito do deporte. Para iso, co programa de conciliación presentouse ao alumnado a celebración dos Xogos Olímpicos Intergalácticos de Ames 2021. Nesta competición participan todos os planetas do noso sistema galáctico coas súas particularidades xa que as criaturas que habitan cada un deles teñen diferentes formas físicas e capacidades a ter en conta á hora de xogar.

Aurelio de Marte e Sara Tentáculos, en representación da organización dos xogos, visitarán ao alumnado para organizar os eventos en cada un dos centros. Presentarán os Xogos Intergalácticos aos nenos e nenas así como os valores e o espírito deportivo que representan. Trasladarán aos rapaces e rapazas o importante labor que teñen por diante xa que as actividades deberán estar adaptadas á ampla variedade de seres que habitan os diferentes planetas da galaxia.

valores. O primeiro paso a dar será establecer os valores que rexerán os xogos a través da elaboración dun mural conxunto que recolla os principios do deporte intergaláctico. Estes valores deberán ter en conta todas as peculiaridades dos seres que participen nos Xogos Intergalácticos . Así mesmo, elaborarán a mascota que os representará mailo logotipo dos mesmos. En pequenos grupos, os nenos e nenas serán quenes se encarguen de levar a cabo os traballos dos preparativos incluíndo os deportes que se incluirán, a música, a inauguración e clausura do acto.

ACTIVIDADES. Os xogos, non competitivos, acollerán as diferentes disciplinas: relevos, coordinación musical, forza, saltos... Crearase un contexto propicio ó desenvolvemento integral dos nenos e nenas así como unha vontade inclusiva ofrecendo propostas adaptadas ás súas necesidades co obxectivo de mellorar a súa autoestima e motivación. Cada unha destas propostas presentarase aos nenos e nenas en forma de xogos, xincanas e dinámicas grupais.

Deste xeito, o Concello de Ames, pretende arraigar nos máis pequenos unha mentalidade que faga especial fincapé nos valores que xiran ao redor do deporte e da inclusión de todos aqueles que por diversas causas teñan limitacións de calquera tipoloxía. É por iso que aproveitando que este ano se celebran as Olimpiadas, o tema do deporte inclusivo maila fomentación do traballo en equipo son a principal vía de desenvolvemento das diferentes actividades a realizar na Escola. Ademais, os cativos e cativas son os que marcan o ritmo dos xogos e os que, a través dunha colaboración activa, fagan alusión aos diferentes tipos de valores e adapten as diferentes propostas ás necesidades que eles mesmos consideren necesarias en cada momento, fomentando o desenvolvemento propio.

En canto á participación, durante a primeira quincena do mes de xullo, hai 279 nenos e nenas que están participando na Escola de Verán. Divididos por centros, no CEIP da Maía participan 147 nenos/as; na EEI Milladoiro hai 70 rapaces e rapazas inscritos/as; e no CEP de Ventín participan 62 cativos/as.

13 jul 2021 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.