Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Fondo Galego de Solidariedade devolve os suministros a Mozambique

Ames. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames é socio e ademais ostenta a secretaría, vén de apoiar a expansión dos servizos de auga e iluminación pública no municipio mozambicano de Nhamatanda. Alí, a asociación de concellos e deputacións destinou 42.600 euros a reparar e ampliar as redes públicas.

Trátase dunha zona que aínda está en proceso de reconstrución tras resultar gravemente afectada polo paso do ciclón Idai en 2019. A intervención contou asemade co respaldo da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), así como das axencias estatais de auga e enerxía. Ese devastador furacán, que deixou máis de 600 persoas falecidas no país africano, acabou tamén con boa parte das xa febles infraestruturas municipais.

A través deste proxecto de cooperación internacional, construíuse un sistema de subministro de auga consistente nun depósito de mil litros, con bomba integrada a base de paneis solares e unha fonte con catro billas na que a poboación pode abastecerse. O servizo, que se xestionará de xeito comunitario, non só beneficiará ao barrio onde foi situado, senón tamén aos dous adxacentes. En especial, ás mulleres e nenas, que adoitan percorrer longas distancias cargadas cos baldes para conseguir auga potable, tan necesaria no combate contra o coronavirus e outras enfermidades presentes na zona. Nhamatanda conta cunha poboación de 63.000 habitantes. M. Outeiro

11 feb 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.