Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O novo pleno amesán buscará adaptar o regulamento das escolas de educación infantil A Madalena e O Bosque ao modelo autonómico

Outros asuntos a tratar na sesión plenaria serán a derrogación da ordenanza fiscal que regula a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do Concello de Ames

Ames. Este xoves, 29 de outubro, o Concello de Ames celebra unha nova sesión plenaria. Neste caso a ordinaria do mes de outubro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a derrogación da ordenanza fiscal que regula a taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes do Concello de Ames; a aprobación inicial da modificación do regulamento das escolas de educación infantil A Madalena e O Bosque; dous expedientes de investigación patrimonial dun camiño en Insua (Agrón) e outro no lugar de Lapido (Ortoño); a adhesión á Rede de entidades locais para desenvolver os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030; e unha proposta presentada polo grupo municipal do BNG sobre a reactivación da asistencia sanitaria. Estes temas foron abordados o pasado venres, 23 de outubro, nas comisións informativas que se desenvolven de xeito previo ao pleno.

O Pleno abordará este xoves, 29 de outubro, a aprobación inicial da modificación do regulamento das escolas de educación infantil A Madalena e O Bosque. Trátase dunha modificación coa finalidade de adaptar o regulamento das dúas escolas infantís municipais ao modelo autonómico e acadar unha uniformidade nos regulamentos das diferentes escolas de educación infantil da Comunidade Autónoma de Galicia. Outro dos asuntos que se abordarán será a aprobación de dous expedientes de investigación patrimonial dun camiño en Insua (Agrón) e outro en Lapido (Ortoño).

Por outra banda, tratarase a adhesión á Rede de entidades locais para desenvolver os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. A Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobou o 25 de setembro de 2015 a Axenda 2030 dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS). O pasado 26 de novembro de 2019 a Xunta de Goberno da FEMP aprobou a creación da Rede de entidades locais para desenvolver os ODAS da Axenda 2030. A dita rede constituirase cos gobernos locais que se comprometan a implementar os ODS da Axendas 2030 de forma transversal nas políticas publicas municipais. De saír adiante dita aprobación o Concello de Ames procederá a elaboración dunha análise de situación e dun plan de localización e implementación dos ODS da Axenda 2030.

DERROGACIÓN DA ORDENANZA FISCAL DE INSTALACIÓN DE POSTOS DE MERCADO DE RÚA. Ademais, a Corporación municipal tratará a derrogación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo, situados en terreo de uso público municipal, así como industrias na rúa e ambulantes, para que os os vendedores ambulantes poidan afrontar a crise económica que a curto e medio prazo vai a supoñer a pandemia da Covid-19.

O mercado de venda ambulante que se desenvolve os sábados na localidade de Bertamiráns favorece o desenvolvemento económico do concello funcionando como un punto de unión entre a cidadanía, e como eixe vertebrador da actividade comercial de Bertamiráns. Ao funcionar como se fora un mercado comarcal, e tratarse do único mercado con horario de tarde na contorna, permite a afluencia de visitantes de diferentes concellos como Santiago, Teo, Negreira, Brión, etc. Esta situación permite que o tecido comercial de Bertamiráns xire entorno ao eixo do mercado, sobre todo o día de celebración do mesmo.

PROPOSTA SOBRE A REACTIVACIÓN DA ASISTENCIA SANITARIA. O grupo político municipal do BNG presentou unha proposta sobre a reactivación da asistencia sanitaria, que será abordada pola Corporación municipal no pleno ordinario deste mes de setembro. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en atención primaria para dar resposta ás demandas de atención pola Covid-19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listas de espera neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a atención primaria.

Tamén se solicita aumentar nos centros de saúde co número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogos/as clínicos/as, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos, etc; incrementar os orzamentos destinados a atención primaria ata chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros; modificar o Decreto que regula as Áreas e os distritos sanitarios para crear unha estrutura de xestión da atención primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos; e publicar de inmediato a situación das listas de espera hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.

26 oct 2020 / 16:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.