Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O número de casos activos por covid-19 en Ames ascende a 83

Xa se están contabilizando os positivos detectados a través das PCR que se están facendo co cribado masivo de 3.700 mostras entre a poboación do concello // Do total, quedan unhas 1.700 probas que se realizarán entre hoxe e mañá

Ames. O Concello informa do número de casos activos en tempo real e segundo se traslade a información desde a Consellería de Sanidade. Deste xeito, infórmase de que o número de casos activos no concello de Ames, este xoves 8 de outubro de 2020, é de 83 persoas. Xa se están contabilizando os casos positivos detectados a través das probas PCR que se están facendo co cribado masivo de 3.700 mostras entre a poboación do concello, co obxectivo de frear a posible transmisión e intentar localizar posibles casos asintomáticos. Ata día de hoxe, fixéronse arredor de 2.000 probas e quedan unhas 1.700 probas PCR que se realizarán entre hoxe e mañá. A través do cribado que se está realizando estase detectando unha porcentaxe de positivos de 1,1%, mentres que a porcentaxe de casos asintomáticos está no 1%.

Esta mañá o Goberno municipal tivo unha xuntanza cos responsables da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, para avaliar a incidencia da Covid-19 no concello de Ames. Esta reunión enmárcase nos encontros que manteñen ambas institucións os martes e xoves das últimas semanas.

Ademais, aclárase que o concello de Ames aparece en alerta vermella por covid-19 debido a que o 90% dos casos concéntranse na localidade do Milladoiro debido ao gromo que houbo no pasado mes de setembro. Os casos foron aumentando nos últimos días debido aos casos positivos que se están detectando a través das probas PCR. Deste xeito, pasouse do primeiro dato de 48 persoas positivas, que facilitou a Consellería de Sanidade o pasado sábado 26 de setembro, ao número actual de 83 casos activos. A lóxica apunta a que unha vez rematado o cribado e detectados os casos activos, o número de casos vai diminuíndo de xeito progresivo durante as vindeiras semanas.

CONTINÚAN AS RESTRICIÓNS NO MILLADOIRO. Dende o Concello de Ames lémbrase que seguen activas as restricións aprobadas pola Xunta de Galicia o pasado 23 de setembro para incluír toda a localidade do Milladoiro no grupo de concellos e localidades con restricións vixentes pola Covid-19. Todas estas medidas publicáronse no Diario Oficial de Galicia e entraron en vigor as 00:00 horas do 24 de setembro. Premendo nesta ligazón podes consultar todas as restricións publicadas no

DOG que afectan á localidade do Milladoiro.

De momento non se baralla a opción de incrementar ditas restricións no Milladoiro, pero haberá que agardar a ver a evolución da situación durante as vindeiras semanas. Dende o Concello de Ames insístese na necesidade de colaboración por parte de toda a cidadanía para o cumprimento exhaustivo das normas. Recoméndase evitar o contacto masivo, o uso da máscara en todos os ámbitos e, en especial, nas xuntanzas familiares. Ademais, trasládase unha mensaxe de tranquilidade para entre todos e todas superar esta situación.

08 oct 2020 / 17:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.