Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O parque infantil de Agro da Vella pasará a estar cuberto

A Xunta de Goberno Local de Ames adxudicoulle esta obra á empresa Groma Obras SL // Este proxecto no Milladoiro únese ao xa desenvolvido anteriormente na praza de Chavián, en Bertamiráns

Ames. A Xunta de Goberno Local adxudicoulle á empresa Groma Obras SL a obra de instalación de cubrición da área de xogos do parque infantil de Agro da Vella, no Milladoiro. Este proxecto está sufragado co sobrante por baixas de licitación no POS+ 2017 e con fondos propios municipais. O proxecto foi adxudicado por un importe de 188.782 euros, IVE incluído. A cubrición deste parque infantil únese ao proxecto que se desenvolveu na praza de Chavián, en Bertamiráns, para cubrir unha parte do parque e colocar novos elementos de xogo na outra.

Este proxecto executarase na praza que está situada entre a rúa Agro da Vella, a rúa Palmeiras, a rúa Agro do Medio e a avenida Muíño Vello. Os traballos que se desenvolverán consisten en cubrir a área de xogos, que abrangue unha superficie de preto de 400 metros cadrados e realizaranse coa implantación dunha estrutura metálica porticada lixeira.

Esta estrutura cubrirase mediante unha malla téxtil semitransparente lixeira que garante o uso da zona cuberta nas estacións de choiva e secas, e tanto nos períodos de iluminación diúrna como nocturna. A totalidade da intervención, que vén sendo a implantación de 14 piares e a execución do sumidoiro perimetral de recollida das augas pluviais, acada unha superficie de intervención construtiva sobre o ámbito de 512,70 metros cadrados.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a cubrición de dous parques infantís, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, era unha das prioridades deste Goberno municipal. Xa se puido cubrir unha parte do parque infantil da praza de Chavián e agora queda realizar as obras de cubrición do parque de Agro da Vella, no Milladoiro. O obxectivo é que estes parque poidan ser usados tamén en períodos nos que chove e cando fai moito sol, xa que ao estar cubertos dá a sombra”.

CUBRICIÓN DO PARQUE INFANTIL DA PRAZA DE CHAVIÁN. A este proxecto únese a recente cubrición e ordenación de xogos no parque infantil da praza de Chavián, en Bertamiráns. Este proxecto, que foi sufragado cos fondos que achegou a Deputación da Coruña a través do POS 2018, foi adxudicado por un importe de 153.549 euros, IVE incluído.

Nesta caso cubriuse unha parte do parque, de aproximadamente 160 metros cadrados, da praza situada en fronte á avenida da Maía. Este parque está equipado cunha área de xogos infantís en dous espazos; un de usuarios/as en idade preescolar e o outro para nenos e nenas de 3 a 12 anos. A zona que se cubriu foi a área de xogos para nenos e nenas en idade preescolar, mentres que na outra zona do parque infantil, que está destinada aos rapaces e rapazas de 3 a 12 anos, reordenáronse os elementos existentes e instalouse un novo xogo de trepa.

07 oct 2020 / 16:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.