Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A familia Pardo de Vera Fabeiro é a súa actual propietaria, aínda que hai discrepancias sobre a súa xestión e o que deparará un futuro // O historiador Amancio Liñares considera que debe ser recoñecido como Ben de Interese Cultural

O Pazo do Cotón, unha edificación barroca que conforma a historia artística de Negreira

O Pazo do Cotón é un dos monumentos máis característicos da localidade de Negreira. A súa tripla arcada de pedra cruza a vía principal da vila, a carreira de San Mauro. Data do século XV e conserva un aspecto de fortaleza medieval a pesar das reformas realizadas no mesmo. Destaca un pasadizo fortificado que comunica directamente o pazo coa capela de San Mauro, construída posteriormente no século XVIII.

Nas súas orixes, o pazo pertenceu aos Luaces e Mariño de Lobeira, que por aquel entón exercían sobre o pobo de Negreira ata que, a mediados do século XIX, a propiedade chegou á familia Ferreiro Camaño e posteriormente a familia Pardo de Vera Fabeiro, actuais donos do pazo.

A maiores, o conxunto conta con amplos xardíns, nos que se sitúa o patio de armas, enmarcado por unha galería de pedra en estilo barroco.

No seu interior pódense diferenciar unha serie de escudos de armas de familias como os de Figueroa, Bermúdez de Castro, Trastámara, entre outros. E, no corpo central visualízase unha escaleira que dá acceso á parte superior, a chamada “galería de pedra”.

QUE DIN OS AUTORES. Moitos autores falan de que ten unhas raíces medievais pero son datos imprecisos. A edificación é unha representativa mostra do barroco e un dos trasgos que máis chama a atención é a súa alta cheminea e as torres circulares da antiga muralla. “Dá ese aspecto medieval porque a súa construción é tipo fortaleza e pola forma que teñen os seus torreóns circulares e as ameas que coroan os seus muros”, conta Amancio Liñares, escritor e historiador negreirés.

Negreira é unha poboación cun casco histórico pequeno e incluso algunhas casas de renome foron desaparecendo nos últimos anos. O Pazo está situado no núcleo central da vila. Moita xente dos arredores segue referíndose á vila co nome de Cotón. A construción está emprazada nun pequeno outeiro, de aí o seu nome. “ A contorna do pazo é esencial na parte histórico-artística de Negreira”, afirma Amancio Liñares.

A HISTORIA DE AFONSO EANES DO COTÓN. Existe unha lenda que di que o trobador Afonso Eanes do Cotón, un poeta da lírica galego-portuguesa medieval , naceu no pazo. Segundo nos relata o historiador, un dos primeiros autores en falarnos da posible presenza de Afonso Eanes nesa casona é o historiador e crego santiagués, Antonio López Ferreiro. “Cando alude aos poetas medievais expón as posibles relacións que habería entre algúns dos poetas dos cancioneiros e os documentos composteláns dos séculos XII ao XIV”, relata. Aí enmarcaríase esa posible presenza do trobador no Pazo do Cotón.

Partindo de López Ferreiro hai outros autores que se dedicaron a estudar a figura de Afonso Eanes do Cotón. “Quizais o libro máis especializado é o dunha profesora chamada Silvia Gaspar: Os Cantares de Afonso Eanes do Cotón, publicado no ano 1995”, menciona. Previo a esta publicación houbo outros escritores galegos destacados que tamén investigaron sobre Afonso Eanes como pode ser Francisco Fernández del Riego, Xosé María Alvárez Blazquez ou Xulián Magariños e tamén, de fóra de Galicia, Pinheiro Torres e Manuel Rodrigues Lapa.

O PRESENTE E FUTURO DO EDIFICIO. Nos últimos anos saíron á luz rumores de que a familia Pardo de Vera Fabeiro poñía en venda a propiedade. Hoxe en día segue habendo discrepancias e descoñécese como está a situación actual pero si se sabe que a problemática xira sobre a herdanza familiar, concretamente dos descendentes varóns. “Como persoa de Negreira e profesional no tema da historia considero que o futuro do Pazo do Cotón non debería cinguirse a un problema familiar privado porque dada a importancia deste monumento as entidades públicas e institucións como o Concello ou a Xunta de Galicia deberían de preocuparse por mirar polo seu presente e futuro, respectando ese ámbito privado”, considera o historiador local. O Pazo é un monumento de interese histórico e “todo o relacionado coa súa conservación e futuro incúmbenos a todos os barcaleses”. Neste sentido, sería importante para o historiador que o Pazo do Cotón fose recoñecido e protexido como BIC (Ben de Interese Cultural).

CRONOLOXÍA DA PARTE ANTIGA DO PAZO. Por outra banda, coméntase que na parte antiga do Pazo se poden ver elementos que datan do ano 1.000. Amancio Liñares considera que é necesario un estudo de especialistas de arte para que se date cada estancia do pazo. A información que se ten non vai máis alá do investigado por autores. Exemplo disto é a obra manuscrita de José Cornide de finais do século XVIII titulada “Viaje de Santiago a Corcubión pasando por Ponte Maceira” onde o autor proporciona datos de que parou no Cotón e conta como era o Pazo naquel tempo. Tamén están os estudos de Carré Aldao nos que da información sobre o monumento.

O MOMUMENTO DÁ NOME A UNHA ASOCIACIÓN CULTURAL . A Asociación Cultural Afonso Eanes naceu en 1976, ano marcado pola Transición política. Amancio Liñares estivo no proceso de constitución e foi presidente da mesma durante cinco anos. Nos seus inicios había a idea de poñerlle un nome con significado para a comarca e esa foi a elección final. Hoxe en día segue a ser unha importante presenza cultural na comarca do Barcala. O seu lema sempre foi “apostar pola defensa dunha cultura galega, popular, aberta, crítica, sempre cun selo galeguista”. En resumo, a Asociación traballa por espallar fitos históricos, o respecto pola natureza, folclore ou a memoria histórica. Nela ten gran transcendencia as actividades celebradas polo día das Letras Galegas, que este ano se dedicaron a Carballo Calero ou un acto de homenaxe aos represaliados durante a Ditadura franquista que se celebrou fai meses no concello da Baña.

31 oct 2020 / 00:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.