Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Pico Sacro, un lugar con moita historia e maxia detrás

A gran montaña que abarca parte do municipio de Boqueixón e parte do de Vedra esconde misterios que aínda hoxe están por descubrir

O cumio do Pico Sacro elévase sobre a comarca do Val do Ulla alcanzando os 530 metros sobre o nivel do mar, o que permite unha das vistas panorámicas de maior extensión de Galicia. Ao pé do monte, polo oeste, discorre a Vía da Prata no seu camiño cara a Santiago, sendo o primeiro punto desde o que os Peregrinos poden divisar Compostela, as Torres da Catedral ea Cidade da Cultura sobre o monte Gaiás. De lonxe, avístase o inicio da Ría de Arousa e os cumes da Serra do Barbanza.

Seguimos ollando e cara o norte aprázanse as Terras de Ordes e polo nordeste as de Arzúa, Melide e Palas de Rei, xa na provincia de Lugo. Polo sur e surleste discorre serpenteando o cauce do río Ulla e olleando na distancia as terras do Deza e as serras de O Careón, O Faro e O Farelo na provincia de Pontevedra. Mirando cara ao surleste atópase o concello da Estrada e Terra de Montes enmarcadas polos cumios da Serra do Candán.

O Pico Sacro levántase en forma de macizo composto casi na súa totalidade de cuarzo a medio cristalizar. Cabe destacar que a extensión do Pico Sacro abarca os concellos de Boqueixón e Vedra, aínda que a súa cima e a súa maior extensión localízase no primeiro destes.

Para acceder ao Pico existe unha estrada que nos conduce directamente a un aparcamento onde podemos deixar o vehículo. A unha escasa distancia atopámonos coa hermida de San Sebastián, de orixe románico. Se continuamos andando hai unhas escaleiras de madeira para chegar á Rúa da Raíña Lupa e para ascender ata a cima e contemplar a paisaxe.

Dise que o Pico Sacro ou tamén recoñecido co nome de “Monte Sagrado”, é posiblemente o lugar de Galicia que concentra tantas historias reais coma mitolóxicas e lendarias. Son numerosos os estudosos que investigaron e investigan sobre o verdadeiro significado deste monte, feito que constata a importancia que tivo ao longo da súa historia.

Cabe mencionar que montañas como a Pedra da Barca (Muxía), San Andrés de Teixido ou o propio Pico Sacro eran obxeto de peregrinacións de fieis paganos, que consideraban que estes lugares, identificados có Fin do Mundo, eran portas de entrada ao Outro Mundo.

O dito de lugar sagrado perdurou na tradición ata a actualidade, de xeito que séguese a implorar ao monte atribuíndolle virtudes curativas para determinadas doenzas. Desta maneira moitas persoas visítano coa seguinte invocación: “Pico Sagro, Pico Sagro/ sáname do mal que eu traio”.

ERMIDA DE SAN SEBASTIÁN. Na ladeira meridional e a escasos metros do cumio do Pico Sacro atopamos esta pequena capela dedicada a San Sebastián. De orixe románica, fundada polo bispo Sisnando ao comezo do século X, é o que queda do antigo cenobio beneditino. A Ermida de San Sebastián é o escenario de dúas salientables romarías moi populares en toda a comarca. A primeira, celébrase o día 20 de xaneiro coincidindo coa data do seu patrón San Sebastián e a outra, o derradeiro domingo de maio, que podería ser na honra da montaña. Existe un dito popular entre os habitantes da zona que di que “O Pico de xaneiro é o Pico verdadeiro”.

O PICO SACRO E A CULTURA. O Pico Sacro foi obxecto de interés ao longo dos tempos, aínda que a meirande parte das referencias artísticas e literarias sobre o mesmo chegan maiormente nos séculos XIX e XX, unha época na que existe un especial interese na Comunidade e no resto de Europa por todo o relacionado con temas de folclore e tradicións populares. Un feito que coincide na nosa terra cun auxe de movementos coma o rexionalismo e o nacionalismo, constituíndose o Pico Sacro como un elemento de referencia. Autores como o estradense Marcial Valladares Núñez, o historiador e impulsor do Rexurdimento galego Manuel Murguía e o literato Curros Enríquez recopilaron no seu día numerosos refráns e cantigas populares relacionados co Pico. Tamén, Alfonso R. Castelao, símbolo do nacionalismo galego, fixo varias excursión á montaña acompañado de varios amigos e no seu último discurso no exilio, rememorou ao Pico Sacro.

RÚA DA RAÍÑA LUPA. Un dos elementos máis chamativos do monte é a coñecida como Rúa da Raíña Lupa, un profundo e estreito paso creado artificialmente na roca e que divide a montaña en dúas, que chama a atención de todos os que se acercan ao lugar. Creese que o motivo da súa construcción puido ser para dar acceso á entrada da cova, que recibe o nome de Pazo da Reina Lupa. Investigando atopamos que existen mitos que atribúen a súa función á forza da espada dalgún xigante. A maiores, hai unha lenda que conta como os portadores do corpo do Apóstolo pediron á Reina Lupa un lugar para poder enterrar o corpo e esta ofreceu un lugar para o enterro de Santiago.

O MITO DO DRAGÓN. A maxia e as tradicións ancestrais que envolven ao Pico Sacro, aínda hoxe, constitúen obxecto de estudos que abarcan as diferentes ramas do saber. Neste caso, chama especialmente a atención, unha investigación realizado polo doutor especialista en Neuroloxía, don Juan Manuel Pías Peleteiro, publicado na prestixiosa “Revista de Neurología” que leva por título “Interpretación popular del ictus en la Galicia antigua: el mito del dragón.

A tradición popular relata que no interior das Covas do Pico Sacro vivía un dragón alado e que tiña a mala sorte de pasar baixo a súa sombra e, dependendo da intensidade do contacto, podería chegar a perder a visión dese ollo ou ben perder a mobilidade nas extremidades afectadas. Outras versións indican que o que intentaba e conseguía atravesar o cumio, por acción da serpe comezaban a votar espuma pola boca.O investigador Pías Peleteiro chegou á conclusión de que os síntomas recollidos nos relatos populares coinciden cos do ictus.

A existencia de templos prehistóricos, a lenda da Raíña Lupa, do Apóstol, de mouros, de xigantes, de serpes... son contos que enriqueceron a historia máxica destas montañas.

Así ano tras ano miles de galegos e peregrinos acércanse ao Pico Sacro para contemplar en primeira persoa esta misteriosa montaña.

04 oct 2020 / 12:09
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.