Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 25 octubre 2020
20:56
h

O Punto Limpo de Ames rexistrou 805 entradas durante o mes de agosto

Destas achegas destacan fundamentalmente os equipos eléctricos e electrónicos, con 4.654 quilogramos e o incremento da cantidade de pintura e aceite de motor e vexetal

O centro de depósito de residuos do Punto Limpo de Ames, situado no polígono do Milladoiro, rexistrou 805 entradas durante o pasado mes de agosto. Deste xeito, houbo máis de 100 entradas máis que no pasado mes de agosto de 2019. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os equipos eléctricos e electrónicos, con 4.654 quilogramos, e mailo incremento nas achegas de pintura e aceite de motor e vexetal. Este servizo municipal, inaugurado en xaneiro de 2007, está xestionado pola empresa Urbaser. Ademais, o Concello lembra que está activa a campaña “Non nos merecemos isto”, para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos no Punto Limpo.

O número de veciños e veciñas que fan uso do Punto Limpo para depositar alí os seus residuos segue incrementado, xa que cada vez somos máis conscientes da importancia que ten facer un uso correcto dos residuos que non se poden depositar nos colectores convencionais. Das achegas feitas ao longo do mes destacan fundamentalmente os equipos eléctricos e electrónicos, con 4.654 quilogramos, e mailo incremento nas achegas de pintura e aceite de motor e vexetal.

Desta maneira, durante o pasado mes de agosto a veciñanza amesá entregou 300 quilogramos de envases baleiros contaminados, 280 quilogramos de pneumáticos fora de uso (40 unidades), 90 quilogramos de baterías de chumbo (6 unidades), 9 metros cúbicos de roupa, 90 metros cúbicos de voluminosos, 15 quilogramos de pilas (arredor de 550 unidades), 4.654 quilos de equipos eléctricos e electrónicos, e 17 unidades de aerosois.

Ademais, rexistrouse a entrada de 92 unidades de tubos fluorescentes e outras lámpadas, e de varios residuos, entre os que se encontran 20 metros cúbicos de escombro, 30 metros cúbicos de plásticos, 30 metros cúbicos de metais, 210 quilogramos de pintura, 90 metros cúbicos de madeira, e 9 metros cúbicos de papel. Cómpre engadir tamén os aceites, 142 litros de aceite vexetal e 85 litros de aceite de motor.

A CAMPAÑA “NON NOS MERECEMOS ISTO”. Por outra banda, hai que destacar que o Concello de Ames, a través das Concellarías Servizos Básicos e Transición Ecolóxica, puxeron en marcha a campaña “Non nos merecemos isto”. Trátase dunha campaña de sensibilización para concienciar á veciñanza sobre a importancia de depositar os voluminosos (mobles e aveños) no Punto Limpo. Esta iniciativa súmase a outras campañas como “Cada cousa no seu sitio!” ou “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes” postas en marcha no anterior mandato.

A través desta iniciativa editáronse 3.000 calendarios de mesa e 500 calendarios grandes de parede co lema de dita campaña e fotos de lixo e voluminosos depositados en fincas, camiños e outros lugares como o monte de Lapido; unha pista forestal entre Lapido e O Instrumento; urbanización Agro do Muíño; aparcadoiro do Carrefour, en Bertamiráns; rúa Panasqueira, no Milladoiro; urbanización Os Laranxos, Castiñeiro do Lobo; urbanización A Telleira, Bertamiráns; Castiñeiro do Lobo; lugar de Pedras; pista forestal que vai a Pegariños; estrada cara Trasmonte; estrada de Lapido; e acceso a Costoia.

HORARIOS E TELÉFONO DE CONTACTO DO PUNTO LIMPO. O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí poden achegarse todos os veciños e veciñas de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.

Este centro está aberto preto de 40 horas semanais en xornada de mañá e tarde entre luns e o sábado. Así, o Punto Limpo abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.

Os voluminosos deben depositarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, para acordar unha data e un lugar, coa finalidade de depositar o voluminoso xunto ao contedor máis próximo, para que posteriormente se realice a recollida de ditos aveños e voluminosos.

17 sep 2020 / 15:39
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.