Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O rural de Ames sae reforzado co novo contrato de limpeza

Unha novidade será o servizo do Punto Limpo Móbil, que contará con vehículos eléctricos

O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Economía e Facenda e responsable do departamento de Contratación, Genma Otero, veñen de reunirse co xefe de servizo, Ángel Fagilde, e co delegado da empresa Urbaser, Nemesio López, no acto de presentación do novo contrato de limpeza viaria que asinou o Concello de Ames coa empresa Urbaser por un período de sete anos.

En dito acto fíxose unha presentación do novo material e dalgúns dos vehículos eléctricos, incluídos no novo contrato, e que empregará a empresa Urbaser para realizar o seu traballo a partir deste 15 de xullo. O novo contrato de limpeza viaria adxudicouse por un importe de 7.388.427,97 euros e un período de sete anos que abrangue dende este 15 de xullo de 2022 ata o 14 de xullo de 2029. O valor do mesmo por ano ascende a 1.055.489,71 euros. Trátase dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames, segundo indicaron dende o goberno local.

O novo contrato recolle importantes melloras no servizo. Deste xeito, realizaranse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Para iso vanse manter e mellorar as frecuencias actuais de limpeza nos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro. Desta forma, vaise a incrementar o servizo de baldeo cun máquina de lava beirarrúas no núcleo do Milladoiro e na zona onde existen vivendas do parque empresarial Novo Milladoiro. Tamén se dotará de novas papeleiras á zona do parque empresarial, ás urbanizacións e aos núcleos do rural. Para poder realizar a ampliación do servizo ampliouse o persoal en cinco persoas.

Asemade incluiranse distintas prazas do concello e as áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos. Ademais, tamén se reforzará a limpeza de diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando o adecentamento de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago que pasan pola vila. Neste senso haberá unha brigada para cubrir a limpeza nos tramos do Camiño a Fisterra e do Camiño Portugués.

Por outra banda, vaise ampliar o horario de atención do Punto Limpo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Outra das novidades será o servizo do Punto limpo móbil e reforzarase o servizo de recollida de voluminosos no rural.

Por outra banda, mellórase a flota de vehículos e medios materiais co usos de vehículos de varrido, baldeo e inspección, menos contaminantes e coa conseguinte redución de emisións sonoras. Incorpóranse dous vehículos eléctricos Goupil, para a limpeza viaria que se empregarán para desprazar material e persoal. Tamén se incorporan catorce novos carros de limpeza.

15 jul 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.